Derbi histórico

 O Compos recibe este domingo ao Fabril nunha cita histórica, xa que o filial deportivista será, a partir deste encontro, o equipo ao que máis veces se tería enfrontado ao longo dos máis de sesenta anos. Un derbi con moita necesidade para dous equipos que non pasan polo seu mellor momento e no que, segundo os ruxe ruxe, podería haber un traspaso por medio, con Darío volvendo á que foi a súa casa despois do enfrontamento contra o seu clube actual, no que non acaba de ter todo o protagonismo desexado. 

 Equipo chamado a máis. 

 O Fabril, segundo equipo dunha das mellores canteiras do país, está chamado a máis nesta tempada na que, como mínimo, poderían pelexar por un posto na promoción de ascenso á Primeira Federación. Un filial irregular, que está a pasar por un momento complicado e que segue a nutrir ao primeiro equipo coa presenza de xogadores entre os que destaca Kevin, máximo goleador do equipo malia non poder comezar ben a competición. 

 Actualmente, o equipo dirixido por Manuel Pablo ocupa a oitava posición da táboa clasificatoria. O equipo que fixo unha moi boa primeira parte do campionato con Gilsanz, agora no primeiro equipo, e que non foi quen de manter ese bo nivel co cambio de adestrador. Aínda así, só tres puntos separan aos branquiazuis do obxectivo grazas a vinte e sete puntos conseguidos con oito vitorias, tres empates e outras oito derrotas. Un equipo que asinou vinte e catro goles e encaixou só dezaoito contando cunha das mellores defensas do grupo, agora en horas baixas. 

 Fortes na casa, tanto en Abegondo como en Riazor, pero menos sorte a domicilio onde só foron quen de gañar en Valladolid, Astillero e Avilés ademais de pechar o 2024 cun empate en Torrelavega. Por contra, nada puideron sacar das visitas a Pontevedra, Soria, Luanco, Salamanca, Carballo e Ávila sendo só capaces de ir por diante en Pasarón durante algo menos de dez minutos. 

 Moita historia. 

 O Fabril foi, no seu día, o primeiro equipo que xogou contra os nosos en Santa Isabel, hai xa sesenta e dous anos, en Terceira división. Unha segunda xornada de liga na que Machicha daría os dous puntos aos coruñeses cun solitario gol abrindo así unha serie de vinte e tres partidos entre liga e Copa Federación. Serie que nos deixa ao Compos como principal favorito con dezasete vitorias fronte aos tres empates e os tres triunfos do filial coruñés. 

 A última visita dos fabrilistas a San Lázaro, o curso pasado, rematou cun triunfo local pola mínima grazas a un único gol de Hugo Matos na primeira metade a pase de Pablo Antas. Unha sorte que non se puido manter este curso en Riazor cunha derrota por dous goles a cero e que puido ser maior nunha moi mala tarde dos homes de Antón Permuy. 

 Dous de doce. 

 Tanto Compos coma Fabril non pasan por un bo momento na tempada sendo incapaces, dende que acabou o pasado ano, de gañar. Tal é así que os dous sumaron só dous empates nos catro últimos encontros, aumentando esa mala xeira dos nosos cunha derrota anterior. 

 O Compos, que non gaña dende novembro contra o Laredo, caeu despois fronte á Gimnástica de Torrelavega, Valladolid Promesas e cunha goleada fronte ao Pontevedra a pasada fin de semana nun horrible partido onde Manu Rivas asinou o único gol branquiazul nun campo impracticable. Ademais, dous empates, contra Numancia e Ávila, en San Lázaro. 

 Pola súa parte, o Fabril só puido xogar diante da súa xente a pasada fin de semana, empatando sen goles contra o Valladolid Promesas. Antes, tres saídas consecutivas nas que sacaron un empate en Torrelavega e dúas derrotas pola mínima en Ávila e Carballo. 

 Un reforzo. 

 Nunha semana difícil, tentando superar a goleada en Pasarón da que saíron mal parados Ocaña e Cinta, tivemos a boa nova da fichaxe de Markitos. O canteirán do Celta, con pasado na UD Ourense, chega en calidade de cedido polo Arenteiro ata final de tempada. Con todo isto, a única baixa aínda confirmada é a do dianteiro estremeño, aínda sen coñecerse o alcance total da súa lesión, que apunta a que se pode perder boa parte do que resta de tempada.

 De novo, co vermú. 

 Ao igual que a remontada contra o Numancia, o partido contra o Fabril comezará este domingo ás 12 horas no Verónica Boquete de San Lázaro. Para o mesmo, as entradas xa están dispoñibles aos prezos habituais na plataforma online na web do clube. Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse na segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario