O derbi esperado

 Primeira saída do ano e desta segunda volta e primeiro derbi do 2025. Un dos grandes partidos non só da categoría senón, ademais, dun fútbol galego que tivo ao Pontevedra como protagonista nas últimas datas. Pasarón acollerá un enfrontamento, unha festa nas bancadas, xa case considerado un Clásico do noso fútbol entre dous equipos con pasado no máis alto. 

 O rei da Copa. 

 O Pontevedra, líder do grupo na Segunda Federación e gran revelación nunha Copa do Rei na que demostraron o seu fútbol contra grandes equipos chegando a oitavos. Un equipo co selo marcado de Yago Iglesias, con moito agarimo ao balón e acerto de cara á porta rival con xogadores coma Charly, Rufo ou un Dalisson que non deixa de chamar a atención de equipos do fútbol profesional, onde semella ter o seu futuro. 

 Un equipo difícil de superar, que basea o seu xogo na posesión do balón e o ataque, que ocupa o máis alto da clasificación con corenta puntos, tres máis ca o Numancia. Doce vitorias para o conxunto granate, o que máis veces sumou de tres, e catro empates. Un equipo que só caeu en dúas ocasións, unha na casa e outra a domicilio se temos en conta o feito na competición doméstica, sumando a derrota colleitada de xeito inmerecido contra o Getafe na Copa. Hai que engadir que suman vinte e cinco goles, sendo o cuarto equipo con máis acerto, e que encaixaron once, sendo a mellor defensa do grupo. 

 De Pasarón, campo sempre difícil, só saíron catro puntos. O Marino de Luanco de Manel Menéndez foi quen de sumar a última derrota, en liga, dos de Yago xusto unha semana despois de caer en Miramar contra os nosos. Tamén sacou un punto, en forma de empate neste caso, o Avilés nun partido onde os asturianos chegaron ao tempo de lecer por diante. Por contra, Valladolid Promesas, Fabril, Rayo Cantabria, Bergantiños, Salamanca e Gimnástica marcharon sen nada conseguindo os locais só unha vantaxe de máis dun gol contra o equipo salmantino. 

 Un campo sempre difícil. 

 Como xa puideron ver Levante, Villarreal, Mallorca e Getafe, Pasarón non é un campo do que sexa doado saír coa vitoria na man. Un campo onde só o Marino e o equipo madrileño foron quen de sumar de tres no presente curso e no que o Compos foi quen de gañar en dúas ocasións mentres que a vitoria local quedou no feudo granate en tres. Ademais, oito visitas que se pecharon con igualada. 

 Dous triunfos branquiazuis que chegaron no 2010 e 2021. A primeira, con Iván González e Tiko Messina como goleadores branquiazuis e Charles recortando diferenzas xa no treito final. Na segunda, Miki Villar sería o autor do único tanto nunha cita difícil e que deixou un gran sabor de boca, nun encontro no que os de Yago Iglesias, agora no outro lado, defenderon con todo e contra todos. 

 Tamén puido merecer máis o Pontevedra na visita a San Lázaro na primeira volta. Un equipo que xogou un primeiro tempo onde Rabanillo e a falta de puntería evitaron unha vantaxe maior ca os dous goles asinados por Dalisson e Rufo. Na segunda parte, co paso dos minutos equilibrouse a contenda e Giuliano e Manu Rivas asinaron un empate no engadido. 

 De empates vai a cousa. 

 Se antes falamos do empate no engadido contra o Pontevedra en San Lázaro, o mesmo se vivíu este pasado domingo fronte ao Numancia. Rabanillo evitou unha goleada maior dun Numancia que chegou aos oitenta minutos sen ver portería abrindo unha lata que se pechou co asubío final. O equipo soriano anotou dous goles consecutivos en cuestión de sete minutos, con Alain Ribeiro e Dieste como goleadores, mentres que o Compos buscou manterse na loita cun tanto de Pablo Crespo só un minuto despois. No engadido, Ocaña puxo a igualada nun partido onde os visitantes se presentaron superiores durante boa parte do mesmo. 

 Menos acerto tivo o Pontevedra na súa visita a Valladolid. O equipo de Yago Iglesias dominou boa parte do encontro fronte ao filial branquivioleta e acosou a portería local, sendo incapaces de anotar non puidendo aproveitar o esvarón do Numancia. Tampouco o tiveron contra o Getafe en Copa, cos madrileños marcando nun erro defensivo nos primeiros minutos e pechándose atrás. 

 Volve Selasi. 

 Para esta cita, Antón Permuy recupera a Selasi para un centro do campo no que cae Pablo Antas por sanción. Volve, tamén, Kike despois de varias semanas fóra dos terreos de xogo por lesión. Ademais, seguen sen cubrirse as baixas de Giuliano e Óscar Gil e, segundo se comenta, podería haber algunha baixa máis. 

 Con representación santiaguesa. 

 Con só media hora por estrada, haberá unha boa representación branquiazul no Fondo Sur de Pasarón este domingo. Un partido para o que haberá máis entradas dispoñibles na billeteira do estadio antes do mesmo e que non se poderá ver por televisión, mais si se poderá seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario