Feliz aninovo!

 Novo ano e nova volta para un Compos que buscará mellorar os seus números nesta segunda metade do campionato. O equipo de Permuy, que pechou o 2024 a só un punto da promoción de permanencia e a catro da de ascenso, quere revertir a mala situación na que se atopa dende xa. Diante, con intención de evitalo, un Numancia que se presenta como o único rival real do Pontevedra na loita polo ascenso directo e que volve a San Lázaro coa intención de acadar os dous meses sen perder. 

 Só unha caída. 

 O Numancia chega a esta primeira cita do 2025 coa idea de seguir a estela dese Pontevedra que está marabillando ao fútbol español na Copa do Rei coas súas vitorias fronte a equipos de categorías profesionais. Un equipo, o soriano, que chega como o equipo con menos derrotas e que se ve perxudicado polos empates na súa loita co conxunto granate. Aínda con todo isto, un dos equipos con mellores números do grupo e que quere esquecer o esvarón sufrido a tempada pasada, na que tiveron na man o ascenso caendo por goleada na derradeira xornada. 

 Arestora son segundos na táboa con trinta e seis puntos asinados na primeira volta. Dez vitorias avalan a un dos dous equipos que suman xa dous díxitos neste rexistro e seis empates evitan que estean aínda máis preto do líder. Por contra, só a Gimnástica de Torrelavega foi quen de deixalos sen nada na única derrota en liga do conxunto castelán. Serían, xunto ao Sporting de Xixón, os únicos capaces de frear a un equipo que adoita marcar, quedando tamén sen ver portería no empate fronte ao Laredo a domicilio. Todo isto os sitúa como o terceiro equipo con máis gol, con vinte e sete tantos, mentres que son, xunto co Pontevedra, o equipo que menos goles encaixou do grupo, cun total de once. 

 Lonxe de Los Pajaritos, trátase dun dos mellores visitantes do grupo. Gañaron en Vigo, Posada de Llanera, Laredo e Avilés. En Carballo e Salamanca puideron anotar un gol e acabando en empate, ao igual que en Laredo, sendo o Bergantiños o único, xunto coa Gimnástica, que puido ir por diante no marcador na casa contra os numantinos sendo os salmantinos os únicos capaces de igualar un resultado adverso. 

 Igualdade histórica. 

 Compos e Numancia se enfrontaron ata en catro ocasións en San Lázaro, dende os noventa na Segunda división e incluíndo tamén a Copa do Rei. Máis recentemente, tamén se enfrontaron na antiga Segunda B e se estrearán agora nunha Segunda Federación da que os dous queren saír. 

 En dúas ocasións foi o conxunto soriano quen marchou de San Lázaro cos tres puntos. Fíxoo no 99, en Segunda, e tamén no 2021, na segunda fase da derradeira tempada da historia da Segunda B. Pola súa parte, as mesmas veces quedou a vitoria na casa, na Copa en 1999 e na Segunda división no 2003, nunha das últimas vitorias branquiazuis no fútbol profesional. 

 Se imos xa á actualidade, na primeira volta sería o Numancia quen sumaría os puntos nun partido desputado e no que os erros á hora de definir do Compos custaron un resultado favorable contra un rival que acertou máis sobre a portería defendida por Rabanillo na apertura dunha tempada moi irregular para o cadro branquiazul. 

 Unhas festas diferentes. 

 Compos e Numancia non puideron pasar as festas de mesmo xeito. Sen mirar a clasificación, moi diferente nos dous casos, os de Permuy non deron unha boa imaxe en Valladolid, no derradeiro partido do 2024. Un partido que se definíu no primeiro tempo co gol de Jorge Delgado nos primeiros minutos e a expulsión de Selasi con dous cartóns consecutivos deixando ao equipo con dez máis de unha hora. 

 Máis sorte, ou acerto, tivo o Numancia en Avilés. Dous goles de Dani Fernández serviron para sumar de tres e seguir co Pontevedra a tiro, a falta de apenas uns días para o enfrontamento que pode deixar aos de Yago Iglesias dependendo de si mesmos o que reste de curso ou igualar todo aínda máis no máis alto. 

 Dúas baixas seguras. 

 Para esta nova cita, Antón Permuy terá dúas baixas confirmadas. Selasi, por sanción, e Kike, ultimando a súa recuperación, non poderán estar este domingo. Xunto a eles, tampouco estarán Óscar Gil e Giuliano, xa cos seus novos equipos despois de desvincularse esta mesma semana dun Compos que segue sen anunciar fichaxes.

 Vermú. 

 O primeiro partido do ano comeza este mesmo domingo, ás doce, no Vero Boquete de San Lázaro. Un horario que se repetirá contra o Fabril en dúas semanas. Cita importante para arrincar a segunda volta e tentar facelo con vitoria, como non se consegue dende 2020. Tamén, momento para seguir unha xeira que nos deixa ao equipo sen perder o primeiro do ano dende 2019. E, para completalo, no caso de ter minutos sobre o verde, Álvaro Casas acadaría os 250 partidos como xogador branquiazul. 

 Un partido que se poderá ver na segunda canle da TVG e seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario