Final da primeira volta

 O Compos viaxa este sábado a Valladolid coa intención de pechar cun bo resultado unha primeira volta para esquecer. Un partido na zona media da táboa coa intención de poñer distancia co posto de promoción de permanencia, que a día de hoxe ten a Esedé a só un punto, e achegarse aos postos de promoción de ascenso. Diante, un Valladolid Promesas que só suma un punto máis que os de Permuy coa única intención de gañar no Anexo de Zorrilla mes e medio despois. 

 Irregulares. 

 Como case calquera filial, o do Valladolid está a ter unha tempada do máis irregular. Un equipo que non está a ser quen de facer un fortín no seu campo, con máis puntos a domicilio, e que non sabe o que é gañar diante da súa xente dende a primeira semana de novembro. Por outro lado, trátase dun equipo que sempre compite ata o final e que adoita moverse por distancias curtas no marcador, con só tres partidos acabados con máis de un gol de vantaxe. 

 Décimos na clasificación, superan aos nosos por un punto. Vinte e tres puntos para o filial pucelano nesta primeira volta do campionato grazas a seis vitorias, cinco empates e outras cinco derrotas que completan os números dun equipo difícil. En canto a goles, a favor suman tantos como puntos sendo o quinto equipo con máis acerto na porta contraria, mentres que encaixaron dezaoito, sendo un dos equipos con aspiracións á fase de ascenso con máis tantos recibidos. 

 Trátase dun equipo con problemas á hora de sumar de tres no Anexo de Zorrilla ata o punto de que é o cuarto peor local do grupo, igualado con nove puntos con outros dous. Un equipo que só bateu a Avilés e Bergantiños e que foi quen de empatar contra Marino de Luanco, Rayo Cantabria e Gimnástica de Torrelavega en tres partidos nos que empezaron perdendo. 

 Valladolid, terra difícil. 

 Nos últimos trinta anos, a visita a Valladolid foi case segura en categorías estatais, tanto no fútbol profesional coma na Segunda B e agora Segunda Federación. Dez visitas a Pucela e só un triunfo, xusto contra o filial branquivioleta hai dez anos. 

 Contra o primeiro equipo, tanto na Copa do Rei coma na Liga, seis enfrontamentos en Zorrilla dos que o máis positivo foron tres empates. Tampouco foron moito máis positivas as visitas ao Anexo, con unha vitoria, un empate e dúas derrotas en catro saídas. 

 Na última, a tempada pasada, o resultado foi de dous a cero a prol do conxunto local. E é que o Compos non puntúa en Valladolid dende 2023 e non suma de tres dende 2014, cando o fixo por primeira e única vez ata o momento. 

 Sen vitorias. 

 A pasada fin de semana, o Compos recibía en San Lázaro á revelación do campionato. Un Ávila que chegou cunha boa idea de fútbol e, sen facer moito, creou perigo sobre a portería de Rabanillo. Non foi así unha Esedé que non chegou a incomodar en ningunha ocasión ao gardameta visitante, sendo o primeiro partido en liga no que os de Antón Permuy non tiran nin unha vez entre os tres paus. 

 Pola súa parte, menos sorte tivo o Valladolid Promesas na súa visita a Los Pajaritos. En Soria, adiantouse o Numancia sendo quen de igualar o resultado o filial. Non obstante, a superioridade local fíxose efectiva rápido chegando ao descanso cunha vantaxe que puideron aumentar no segundo tempo. 

 Cinco baixas. 

 Para esta última cita do ano, Permuy conta con ata cinco baixas, catro delas por lesión. Manu Rivas, Kike, Diego e Pablo Antas non estarán por problemas físicos mentres que a ausencia de Cinta será por acumulación de amoestacións. Si volverá ao equipo Álvaro Casas despois dunha xornada de sanción e repetirá en lista Ozores. 

 De balde. 

 A última cita deste 2024 poderá verse en directo de balde en YouTube, na canle do Valladolid. Un partido que comezará ás 16 horas no Anexo de Zorrilla e que, ademais de verse en directo, tamén se poderá seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario