Sen confianzas

 Unha nova fin de semana e o Compos quere seguir mellorando na clasificación, buscando aumentar unha moi boa xeira de resultados coa que poder mirar á parte alta. Diante, a outra cara da moeda. Un Laredo que non está a ser capaz de gañar e levando con eles unha xeira de resultados moi negativa con cinco derrotas consecutivas. 

 En horas baixas. 

 O Laredo chega a esta nova cita en San Lázaro, ano e medio despois da anterior, e faino, de novo, ocupando os postos de perigo. O equipo cántabro, que consumou o seu descenso na última visita a Santiago, chega como pechacancelas logo de cinco derrotas consecutivas e once xornadas sen coñecer a vitoria. 

 Últimos na táboa, só foron quen de sumar un triunfo no que levamos de competición, superando ao Escobedo na casa na segunda xornada. A maiores, catro empates con dous deles sen goles, e oito derrotas nas que só foron quen de facer tres goles. Xunto co Guijuelo, o equipo con menos acerto na área rival con oito tantos a favor. E na propia só melloran ao Escobedo logo de encaixar vinte e tres goles. 

 Como visitantes, os problemas son maiores. Só dous puntos chegaron a Laredo nas súas saídas a Santander e Carballo, coa última sen goles. Tamén, derrotas en Luanco, Avilés, Salamanca e Ávila. Para a última vitoria dos cántabros a domicilio hai que ir ata maio deste mesmo ano cando gañaron ao Bezana en Terceira en liga e, unhas semanas despois, ao Vimenor na fase de ascenso. 

 Boas lembranzas. 

 Compos e Laredo xa se enfrontaron en cinco ocasións ao longo da historia, tanto en Santa Isabel coma en San Lázaro. E se ben é certo que os nosos nunca gañaron, nin perderon, en San Lorenzo, o equipo cántabro nunca foi quen de sumar de tres na capital galega. Unha historia que comeza cun empate, o mellor resultado dos visitantes, que levaría a un partido de desempate na Copa no que sumarían o triunfo os branquiazuis con tres goles de diferenza. En liga, outros dous enfrontamentos nos setenta que se pecharon con vitoria branquiazul. 

 E o único que se xogou en Santa Isabel foi hai xa ano e medio. Un partido no que o Compos se xogaba a oportunidade de entrar na fase de ascenso diante dun rival que pelexaba pola vida, por non caer á Terceira división. Sobre o verde, un gol de Jaime Santos nos últimos minutos servía para que un se encamiñara cara o obxectivo e o outro asinara a súa caída. 

 Contra Castela e León.

 Tanto Compos coma Laredo tiveron a pasada fin de semana enfrontamentos contra equipos de Castela e León con resultados diferentes e pouco positivos para os plans dos dous. Dentro disto, a Esedé podería dicirse que saíu beneficiada dun partido tolo con tres goles nos doce primeiros minutos e Samu, máximo goleador do equipo, volvendo ver porta. No segundo tempo, Ocaña repetiría tamén como hai dúas semanas e, unha vez máis, o faría cun golazo. 

 Menos sorte tivo o Laredo en San Lorenzo. Foron quen de aguantar contra un Valladolid Promesas que quere mirar aos postos altos máis de setenta minutos pero non puideron frear a un Sergio Neira que sumou o único tanto da tarde. A maiores, ata sete cartóns para xogadores locais. 

 En negativo contra os cántabros. 

 O Compos non está a levar unha boa xeira de resultados contra equipos cántabros, sendo, o Laredo, o terceiro que se enfronte aos nosos no que vai de curso. Dous precedentes que se pecharon con derrotas, na casa, contra o Escobedo e, a domicilio, fronte ao Rayo Cantabria. A serie non mellora coa tempada pasada, caendo na derradeira xornada en Santander e sufrindo unha dura goleada contra o Cayón. 

 O último punto contra un conxunto cántabro chegaría contra a Gimnástica na casa mentres que a última vitoria data de xaneiro deste mesmo ano fronte ao filial do Racing de Santander no Vero Boquete de San Lázaro. 

 Tres baixas seguras. 

 Roque e Kike seguen na lista de baixas seguras e así apunta que sexa ata pasadas as vacacións de verán. Pola súa parte, Trasi cae unha semana máis da lista por problemas físicos. A maiores, entre todos os xogadores que contan con molestias por mor da acumulación de partidos haberá un descarte máis antes do propio encontro. 

 Un día antes. 

 Esta fin de semana teremos a cita de cada quince días co templo branquiazul o sábado. Será mañá cando o Vero Boquete abra as súas portas para acoller unha cita importante da que non fiarse do que di a táboa clasificatoria. Para o mesmo, as entradas xa dispoñibles nos prezos habituais. Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse na segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario