Que siga a boa xeira

 Malia caer nos dous últimos partidos de Copa, do Rei e da Federación, o Compos está a contar cunha xeira máis que positiva na competición doméstica. Cinco partidos consecutivos sen perder e, os mesmos, tamén sen encaixar ningún gol. Un gran momento que iguala o feito a tempada pasada coa chegada de Antón Permuy ao equipo branquiazul. Diante, un Salamanca que suma tamén trece dos últimos quince puntos en xogo. 

 De menos a máis. 

 Se ben o Compos tardou en arrincar na liga por mor da acumulación de partidos entre a competición regular e as dúas copas, o Salamanca CF UDS non ten tanta excusa. O equipo castelán non puido sumar de tres ata a terceira xornada e non fixo o propio na casa ata hai case un mes, sendo a primeira das dúas vitorias consecutivas diante da súa parroquia e que confirmaba a mellora dun equipo que viña encadeando dous empates logo da goleada sufrida a mans do Bergantiños. 

 A día de hoxe, ese bo momento sitúa aos salmantinos na cuarta posición da táboa, aguantando por segunda semana consecutiva neses postos privilexiados sendo, xunto co Ávila, un dos dous recén ascendidos que están a facer as cousas ben e se demostra na clasificación. Isto é así grazas a seis vitorias, catro empates e só dúas derrotas, contra Rayo Cantabria e a antes comentada fronte ao Bergantiños. Un equipo que, ademais, se caracteriza polo seu ataque con dezasete goles a favor, pero que tamén conta con problemas en área propia, encaixando quince tantos. 

 Na súa casa, no histórico Estadio do Helmántico, asinaron as súas dúas únicas derrotas así como as dúas últimas vitorias, contra Laredo e Ávila; así como outros dous empates nun campo no que houbo goles en cada cita agás fronte ao Avilés nun partido que, a día de hoxe, sería polas prazas altas da clasificación. Tamén caeu no feudo salmantino o Alcorcón na Copa do Rei, superando os locais a primeira rolda da competición do 'KO'. 

 A décima. 

 Por décima vez, o Compos visitará o Helmántico. Un campo histórico que se complicou na historia máis recente do clube, enfrontándose ao Salamanca CF UDS ou antes nomeado Salmantino, na fase de ascenso á Segunda B do 2018. Máis sorte houbo nas visitas á antiga UD Salamanca, con dúas vitorias, dous empates e dúas derrotas. 

 Fronte ao equipo actual, o mellor resultado chegou na fase de ascenso, na que os salmantinos consegurían o premio en San Lázaro. Un gol de Naveira adiantaba aos nosos na primeira metade da ida. Non obstante, Ortiz asinaría o empate no segundo tempo viaxando unha semana despois cun resultado igualado. Xa na categoría de bronce chegaría o segundo enfrontamento, na época post-pandemia e o faría con outra data diferente á marcada no calendario goleando os locais por tres tantos a cero. Mesmo número de goles cos que se pecharía a tempada seguinte pero cun resultado con diferenza mínima grazas ao gol de Primo que adiantaba aos santiagueses e que remontarían os locais nos dez últimos minutos. 

 Chegadas semellantes. 

 Este domingo estarán fronte a fronte dous dos tres equipos máis en forma da actualidade, despois de sumar trece dos últimos quince puntos en xogo, sendo o Pontevedra o que mellor está incluíndo unha goleada na Copa contra o Levante. 

 O Salamanca pechou este gran momento a pasada fin de semana superando ao Valladolid Promesas na súa visita ao Anexo de Zorrilla. Un partido con moitas tarxetas e que se decantou do lado visitante grazas a un gol de Emaná no primeiro tempo. Un premio para os salmantinos e un castigo en forma de expulsión de Sergio Benito no engadido, vendo dous cartóns consecutivos. 

 Tamén precisou dun so gol o Compos para bater ao Llanera en San Lázaro. Un equipo que chegaba coas forzas xustas despois da viaxe a Almendralejo e que superou aos asturianos grazas a un único gol de David Soto aproveitando un balón morto logo dunha falta de Fer Cano directa ao longueiro. 

 Kike, baixa segura. 

 Despois de mancarse no partido fronte ao Extremadura, Kike volverá ser baixa segura para este domingo. O central, segundo Permuy en rolda de prensa, non volverá ata despois das vacacións de Nadal e será a primeira baixa confirmada. Tamén apunta a non ter oportunidade de xogar esta cita Hugo Matos, que xa adestra co grupo pero aínda non está ao máximo. 

 Volvemos a Castela. 

 Despois da visita da primeira xornada, a Soria, o equipo buscará os tres primeiros puntos en terras castelás, en Salamanca. O partido, que comezará este domingo ás 17 horas no Helmántico, poderá verse a través de Web Directo, previo paso por caixa cun prezo de aproximadamente seis euros. Tamén se poderá seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario