Saída chave

 Comeza o derradeiro mes do ano e, despois dun mes de novembro de sobresaínte, o Compos quere chegar ao final deste 2024 nos postos privilexiados aos que se achega máis cada semana que pasa. O equipo de Permuy, que xogou tres competicións custando varios puntos na liga, que xa encadea sete partidos consecutivos sen coñecer a derrota e que se medirá este domingo á Gimnástica de Torrelavega en El Malecón. 

 Intentando salvar a tempada. 

 A Gimnástica de Torrelavega non tivo un bo comezo na competición. Un equipo que non puido deixar o último posto da táboa ata hai apenas un mes e que fixo sete dos últimos doce puntos en xogo, unha xeira que só melloran Pontevedra, Fabril e un Compos que xa ve preto os postos de promoción de ascenso. Non obstante, este ascenso na táboa dos cántabros non é suficiente, todavía, para pensar nos postos de permanencia, tampouco o que dá acceso á promoción de permanencia e que ocupa agora o Langreo con sete puntos máis, os mesmos que un Coruxo que está a pechar os postos de permanencia directa. 

 Penúltimos clasificados, asinaron dúas vitorias, as dúas neste pasado mes de novembro e de forma consecutiva, así como catro empates, todos con goles. A maiores, oito derrotas nas que conseguiron ver portería en catro mais perdendo só unha delas pola mínima, contra o Salamanca CF. Si que serían cun resultado curto tres das catro caídas nas que non tiveron sorte na área rival. Así e todo, trátase do equipo máis goleador dos que ocupan os postos de perigo con quince anotados sendo, a maiores, o terceiro equipo que máis encaixa, con vinte e tres. 

 Os cántabros son un dos equipos que asinaron máis puntos a domicilio ca diante da súa xente. A diferenza neste caso non é grande xa que só son dous puntos logo de dous empates máis lonxe de El Malecón. En Torrelavega caeu o Numancia mentres que o Rayo Cantabria se deixou dous puntos, marchando só con un. Máis sorte tiveron Marino de Luanco, Avilés, Bergantiños, Salamanca e Ávila, volvendo á casa co premio máximo. 

 Só un positivo. 

 Seis veces visitou o Compos El Malecón. Seis visitas cun global pouco positivo para os intereses santiagueses despois de só sumar un triunfo. A maiores, dous empates como o máis positivo ata o pasado curso, cando se asinou esa única vitoria. Por contra, os locais se levaron a vitoria en tres ocasións. 

 Eses únicos tres puntos viñeron cara Santiago o ano pasado nun partido tolo e cheo de goles. Lavsamba adiantou aos locais nos primeiros intres do encontro. Antes da media hora serían Euse e Manu Barreiro quen porían por diante aos galegos mentres que Javi Delgado asinaba o tanto dun empate que rápido desfaría Juampa. Logo do paso por vestiarios sería o propio Juampa o que asinaría o cuarto da tarde mentres que Javi Delgado haría o 3-4 final nos últimos minutos do xogo. 

 Resultados positivos. 

 A pasada fin de semana, o Compos foi quen de sumar de tres contra un equipo cántabro, despois de caer con Escobedo e Rayo Cantabria. Os de Permuy amosáronse superiores nos primeiros intres do encontro e así se puido conseguir o adianto no luminoso, obra dun Cinta que se estreou na competición doméstica. Non obstante, o Laredo tentou o erro da defensa branquiazul véndose con Rabanillo en primeira instancia e anotando na seguinte ocasión mandando o partido ao descanso con empate. Na segunda metade sería Manu Rivas, xa reincidente, o que asinaría o tanto do triunfo local nunha gran xogada individual. 

 Máis goles houbo en Valladolid. A Gimnástica levou a cabo unha gran primeira parte na que puideron sumar unha diferenza importante no marcador. Non obstante, só Primo, que se rencontrará cos seus ex compañeiros, foi quen de ver porta. Pasado o tempo de lecer, Gándara fixo o segundo para os cántabros. Nos seguintes vinte minutos, Verde tentou recortar diferenzas pero Álvaro Santamaría asinou o terceiro visitante. Os locais, con dous abaixo e vinte minutos por diante, non se rendiron e Sergio Neira puxo o segundo no marcador branquivioleta para que, no dez de engadido, Jorge Delgado asinara o empate definitivo. 

 Sen novidades. 

 Para esta cita, Trasi, Kike e Roque seguirán sendo as baixas confirmadas nun equipo onde a gripe fixo acto de presenza nas últimas semanas. Un problema engadido que xa a semana pasada pasou certa factura ao equipo de Antón Permuy. 

 Fútbol de antes. 

 Esta penúltima saída do ano, a Torrelavega, servirá de rencontro con Primo, na súa nova casa á que volveu este mesmo verán, e tamén para volver ao fútbol de antes. Isto é porque o encontro, que dará comezo ás 12 horas en El Malecón, non terá televisión nin radio local onde poder seguir o mesmo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario