Toca erguerse

 Despois do pau pola derrota na Final da Copa Federación, volvemos á competición importante para un Compos que busca poñer terra de por medio cos postos baixos dunha clasificación cada vez máis apretada. Diante, un Llanera que quere volver saír vivo de San Lázaro e que ten á vista o posto de promoción de permanencia, dependendo tamén do que faga o Coruxo en Abegondo. 

 Problemas nas áreas. 

 O Llanera chega a esta cita dende os postos baixos da clasificación, ocupando agora unha posición de perigo que deixaron os nosos hai xa un par de semanas. Non obstante, fano tendo a tiro o posto que pode dar acceso á permanencia, agora mesmo ocupado por un Coruxo que tampouco está a pasar polo seu mellor momento. Un equipo, o asturiano, que volveu á categoría despois de dous anos na Terceira e que quere asinar, por primeira vez na súa historia, a permanencia na mesma. 

 A día de hoxe suman dez puntos logo de dúas vitorias, catro empates e cinco derrotas. Un equipo con pouco acerto nas dúas áreas e que fai bo o seu campo, cunhas dimensións máis pequenas ao que se acostuma nesta categoría e de herba artificial, complicando moito aos visitantes. Foi, de feito, onde conseguiron as dúas últimas visitas anotando tres dos oito goles que asinaron no que levamos de competición. En contra, ata quince goles que os sitúan como a cuarta peor defensa así como o segundo peor ataque do grupo. 

 Se na casa xa saben o que é gañar, non fóra de Posada de Llanera, onde non asinan unha vitoria dende o curso pasado, goleando ao Ceares en Xixón. E é que das cinco saídas só conseguiron puntuar en dúas, en Carballo e Laredo, grazas a dous empates. Sería fronte ao Bergan, ademais, na única ocasión na que conseguirían ver porta lonxe da casa empatando un 2-0 no último treito do encontro. 

 Un precedente... negativo. 

 Ao longo da historia, só unha vez se viron as caras Compos e Llanera en Santiago e o resultado non foi o máis positivo para os intereses do equipo branquiazul. Tal é así que serían os asturianos os que levarían os tres puntos no 2022 grazas a un único gol de Romaric, agora nas filas do Palencia. 

 A maiores, hai que dicir que será o segundo equipo asturiano que visite Santiago esta tempada, despois dunha vitoria do Langreo en San Lázaro nun partido onde a puntería saíu cara aos de Antón Permuy. Tamén será a segunda visita dos asturianos a terras galegas despois do empate antes comentado en Carballo. 

 Dobre vitoria. 

 A pasada fin de semana, o Compos non quixo deixar nada pendente na súa visita a Carballo. Un primeiro tempo igualado, onde os locais tiveron dúas oportunidades incluíndo un penalti parado por Rabanillo, o segundo tempo foi totalmente para unha apisonadora que atopou en Samu un protagonista inesperado. O centrocampista, que xogou os dous últimos partidos en ataque, asinou o seu primeiro 'hat-trick' facendo o primeiro superada a media hora e completándoo en dous minutos de tolos. A goleada a completou Ocaña xa no engadido cun golazo. 

 Tamén hai que falar do ocorrido o mércores en Almendralejo, a última cita dun equipo que non foi quen de facer historia. Unha Esedé que se viu por diante no marcador contra un Extremadura de Terceira con moitas ganas de dar unha boa noite á súa xente e que aproveitou os erros da defensa branquiazul para poder dar a volta ao resultado e asinar o primeiro título da súa curta historia. 

 Algo máis igualada foi a visita do Valladolid Promesas ao Pepe Quimarán. Un partido que se decantou do lado local no segundo tempo grazas a un gol de Arellano. Minutos despois, sería o propio Llanera o que quedaría con dez homes sobre o campo pola expulsión de Mendy. 

 Kike queda nun susto. 

 Kike, que tivo que ser substituído o mércores por unha lesión muscular, é a primeira baixa confirmada malia que a lesión semella non ser tan forte como se esperaba. O central que cumpriu 50 partidos co primeiro equipo do Compos, será baixa xunto con Hugo Matos para unha cita na que volve Giuliano a un partido de liga despois da súa sanción o pasado sábado. Tamén cae Trasi por molestias.

 Media hora despois. 

 O partido deste domingo comezará media hora despois do acostumado, ás 17:30, en San Lázaro. Un partido con entradas xa dispoñibles a 15 euros para maiores de 30, 10 euros para xente de entre 17 e 30 anos con Carné Xoven e 5 euros para menores de 17. 

 Un encontro que se poderá ver na segunda canle da TVG así como seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario