Non hai tres sen catro

 O Compos afronta este sábado unha nova saída complicada, ás Eiroas, para tentar aumentar a xeira de tres partidos sen perder nin encaixar que agora mesmo suma o equipo de Antón Permuy en liga. Por diante, ademais deste partido contra un Bergantiños que está a facer un gran primeiro treito de tempada, a Final da Copa Federación no horizonte contra o Extremadura na que será a segunda saída consecutiva. 

 Un gran arrinque. 

 O Bergantiños, recén ascendido, colleu bo ritmo na súa volta á Terceira a pasada tempada para subir con forza e manter ese bo camiño na Segunda Federación. Tal é así que o equipo carballés pecha arestora os postos de promoción de ascenso á Primeira Federación, igualados a puntos con outros catro equipos pero superándoos pola diferenza de goles a favor dun equipo con acerto nas dúas áreas. 

 Dezaséis puntos suma o Bergan despois de dez partidos de liga, dos que gañaron catro, empataron outros catro e perderon só dous, sendo o equipo que menos perdeu despois do Numancia e igualado con outros cinco equipos máis. No que si destaca este equipo é que se trata do que máis goles a favor sumaron, con dezanove. Por contra, encaixaron once tantos sumando a segunda mellor diferenza de goles só superada pola do líder. 

 Este bo camiño é grazas, en gran parte, ao traballo realizado na súa casa. Cinco equipos pasaron este curso polas Eiroas e tanto Avilés como Ávila, os dous equipos que os superan na táboa, marcharon sen nada. Numancia, Laredo e Llanera si puideron sumar un punto nun campo do que non saen os tres puntos dende maio, cando caeron contra o Somozas sendo xa equipo ascendido e sen nada en xogo. Sería, ademais, a súa única derrota en maís dun ano e medio. 

 Longa, e igualada, historia. 

 Compos e Bergantiños xa son máis que vellos coñecidos. Dous equipos que se enfrontaron xa en trinta ocasións sendo Carballo, ademais, a primeira saída da historia do Compos hai xa máis de sesenta anos na Serie A. Daquela vitoria ata agora, pasando por tres campos diferentes na vila bergantiñá, ata quince precedentes nos que os nosos sacaron un total de seis vitorias, fronte ás sete locais e só dous empates. 

 Dúas visitas a Pedras Brancas onde os nosos conseguiron esa primeira vitoria e unha segunda, anos despois. Sería o mesmo número de triunfos ca o asinado nas Eiroas, casa do Bergantiños dende hai máis de vinte anos e que recibiu aos nosos en oito ocasións. A maiores, só se acadaría un empate no feudo actual e os cinco encontros restantes se pecharon con triunfo local.

 A última cita, hai dúas tempadas, rematou con vitoria branquiazul. Charly, agora nas filas do Pontevedra, asinou o primeiro tanto do encontro no primeiro tempo. O paso por vestiarios foi positivo para o equipo de Fabiano. Só tres minutos precisou Roque para conseguir o empate mentres que o segundo se faría de rogar, obra de Fer Beltrán a sete minutos para o final do encontro. 

 Mesmo resultado. 

 A pasada fin de semana, o Compos de Permuy sumou a súa segunda vitoria consecutiva como local na liga contra un Coruxo que non foi quen de parar a un equipo que comeza a carburar ben. Un gol de Santi De Prado foi suficiente para pechar unha vitoria axudada polo gran traballo defensivo dunha Esedé que non encaixa dende hai máis de tres partidos.

 Non tivo a mesma sorte o Bergantiños na súa visita a Valladolid. No Anexo de Zorrilla, o equipo carballés caeu contra o filial branquivioleta, nun partido igualado e que se decantou polo conxunto local mediado o segundo tempo, cun tanto de Xavi Moreno. 

 Mantemos os problemas. 

 Hugo Matos segue a adestrar a parte por mor dos seus problemas no nocello. Si que puido volver cos seus compañeiros esta semana Pablo Antas. Non obstante, os dous apuntan a ver o partido dende a bancada das Eiroas. A maiores, o adestrador terá que facer outros dous descartes antes do mesmo. 

 Sábado con horario cambiado.

 O partido será este sábado nas Eiroas, con entradas para a xente de Santiago a 15 euros, ás 17 horas, retrasando o seu comezo dúas horas con respecto á hora marcada inicialmente. Un partido que, ademais, se poderá ver na segunda canle da TVG así como seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario