Pasou a festa

 Despois dunha festa, cun ambiente típico das grandes citas, volve a liga. Volve a competición que segue a ser a materia pendente para un Compos que en menos de dúas semanas terá a Final da Copa Federación e que demostrou que non ten medo de ninguén, facendo un partido maiúsculo contra todo un Alavés de Primeira división, con xogadores de máximo nivel. Unha imaxe semellante terán que dar este mesmo domingo no mesmo estadio contra un Coruxo que pecha os postos de permanencia con só tres puntos de vantaxe sobre os nosos, agora mesmo en postos de promoción de permanencia. Xusto os tres puntos que estarán en xogo e que poden confirmar a mellora dun equipo que sabe xogar mellor do que se puido ver ata o de agora nunha competición doméstica lastrada polos partidos entre semana. 

 Con acerto. 

 O Coruxo superou o primeiro cuarto da tempada rondando os postos máis baixos da clasificación, mais sen caer nos mesmos. Un equipo que soubo ter acerto no área rival mais non na propia, anotando e encaixando goles en todos os partidos agás dous, incluíndo un empate a cero. 

 Décimo terceiros na clasificación, conseguiron tres vitorias e dous empates sufrindo, ademais, catro derrotas. Un equipo que puido anotar doce goles, quedando sen ver porta na primeira xornada e a pasada fin de semana, na que tampouco encaixaron, e que recibiron outros trece. Unha cifra, a primeira, que os sitúan entre os equipos con máis acerto da zona media baixa,

 En canto aos partidos a domicilio, sen termo medio. Vitorias en Posada de Llanera e Laredo, anotando dous goles por encontro e encaixando un no primeiro, e derrotas en Avilés, por dous goles de diferenza, e Ávila, nun partido no que caeron por só un tanto de diferenza malia chegar ao tempo de lecer cun resultado favorable de 1-2. 

 Sen goles. 

 A pasada fin de semana foi unha xornada na que tanto Compos coma Coruxo non tiveron acerto de cara á porta contraria. Os de Antón Permuy visitaron un Román Suárez Puerta no que, de momento, ninguén puido sequera marcar un gol, sendo así o primeiro equipo en puntuar na cidade asturiana, nun campo que se presume como un dos grandes fortíns da categoría. 

 Tampouco habería goles no Vao, nun partido no que Coruxo e Valladolid Promesas non foron quen de superar ao contrario deixando os dous a súa portería a cero.

 Ao anterior hai que engadir que o Compos volve, unha semana máis, a chegar con menos tempo para preparar o encontro mor do gran encontro de Copa desputado o martes contra o Alavés no que os vascos se levaron o triunfo grazas a un gol de Kike en propia porta. Os nosos, ademais, mereceron moito máis pecando de falta de acerto. 

 Superioridade histórica. 

 O Coruxo visitou Santiago en xa quince ocasións nos últimos sesenta anos, sendo xa vellos coñecidos os dous equipos. Un gran número de enfrontamentos nos que o Compos sae como claro vitorioso despois de superar aos vigueses en dez citas, contra só unha vitoria visitante hai xa nove tempadas. Por outra parte, si que puideron marchar con catro empates. 

 A última visita dos verdes a San Lázaro, a tempada pasada, pechouse co décimo triunfo branquiazul grazas a un único gol de Fer Beltrán. Rompía así unha xeira de dous empates consecutivos entre dous equipos que se coñecen de marabilla e con resultados que non superan o gol de vantaxe dende hai once anos. 

 Baixa, dúbida e cansanzo. 

 Para este encontro, Permuy xa confirmou a baixa de Pablo Antas, unha vez máis, por lesión. A maiores, haberá a dúbida ata última hora de Hugo Matos, quen tivo que saír do campo no primeiro tempo contra o Alavés por lesión. Tamén, cansanzo xeral entre os xogadores por ter que desputar, de novo, outro partido entre semana. 

 Volta ao ambiente habitual. 

 Despois dunha noite como hai anos que non se vía nas bancadas do estadio, hai que pensar xa nunha nova cita, na volta á realidade. E este domingo volverá o ambiente habitual no Vero Boquete para recibir ao Coruxo nun partido con entradas a 15 euros para maiores de 30, 10 euros para rapaces entre 18 e 30 con Carné Xoven e 5 euros para menores. 

 Por contra, quen non poida asistir poderá velo na segunda canle da TVG así como seguilo nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario