Antes da festa

 Por primeira vez, os nosos tiveron unha semana para preparar un partido de liga e, sobre todo, poder descansar e chegar a tope a un desprazamento complicado como é a visita a Avilés, historicamente difícil. Será, ademais, un partido no que as cabezas estarán postas tamén no martes, no partido da Copa no que se espera a maior asistencia ao estadio dos últimos anos. 

 Co Numancia na mira. 

 O Avilés comezou a liga dun xeito moi diferente ao do ano pasado, aprendendo dos erros e ocupando agora un dos postos privilexiados. Tanto é así que os avilesinos teñen opcións de asaltar o primeiro posto nun so partido, empatados a puntos con Pontevedra e Ávila, revelación do campionato. Un equipo, o asturiano, que está a facer as cousas moi ben no campionato regular despois de tirar a participación na Copa Federación, nun mal partido co Lealtad. 

 Con dezaseis puntos e terceiros clasificados, conseguiron cinco triunfos e un empate. A maiores, só dúas derrotas en liga ás que sumar unha máis na Copa coa que caeron. Hai que engadir tamén que é un equipo que asinou doce goles no que levamos de campionato e que encaixou nove, todos a domicilio. E é que os asturianos suman por vitorias, sen goles en contra, cada partido no Román Suárez Puerta. 

 Unha cidade difícil. 

 Moitas foron as visitas do Compos a Avilés, tanto para enfrontarse ao antigo Ensidesa como ao Real Avilés e en poucas houbo unha volta feliz. Vinte e dúas saídas cara Asturias para visitar Santa Bárbara, Muro de Zaro e o Román Suárez Puerta e... só dúas vitorias, ambas as dúas no actual estadio. Outras cinco remataron en empate mentres que os locais sumaron quince triunfos. 

 O último punto chegaría hai dous anos, nun partido con catro goles no que Pablo Durán adiantaría aos nosos, empatando Sergio García antes do tempo de lecer. No segundo tempo Pablo Antas devolvería a vantaxe visitante precisando, de novo, dez minutos Morcillo para facer o empate definitivo. Por outra parte, a última vitoria branquiazul no Román Suárez Puerta data de 2015. Un so gol de Quim Araujo no segundo tempo sería suficiente para bater aos asturianos na súa casa. 

 En canto á última visita, a tempada pasada, remataría con vitoria local grazas aos goles de Isma Cerro e un Natalio que ten a medida máis que tomada ao Compos, marcando un gol por ano nas tres últimas tempadas. O tanto que faría Manu Barreiro, que no seu momento supoñía o 1-1, foi insuficiente para puntuar. 

 Papeis cambiados. 

 A pasada fin de semana se trocaron os papeis. O Compos, que non gañara na casa en toda a tempada, sumaba o seu primeiro triunfo en liga como local superando ao Guijuelo nun bo partido tanto a nivel defensivo como ofensivo. Un gol de Hugo Matos bastaría para sumar de tres engadindo unha gran actuación de Rabanillo baixo paus. 

 Pola súa parte, o Avilés sufriría un duro pau na súa visita a Valladolid. Catro goles dun filial pucelano que sentenciou o encontro nunha hora, chegando ao tempo de lecer xa con dous de vantaxe sendo imposible de reducir para os asturianos e sufrindo a segunda derrota da liga chegando, de novo, con goleada en contra igual que en Carballo hai varias semanas. 

 Semana para recuperar. 

 O Compos chega, por fin, despois dunha semana enteira para poder recuperar forzas despois dun mes moi duro con dobre sesión de partidos. Primeira semana para, tamén, poder preparar un partido no que Diego apunta a ser baixa e no que haberá tres ausencias máis axudadas polos problemas físicos mor da carga de traballo destas semanas. 

 Sen pensar no martes. 

 Por diante, unha semana ilusionante para o Compos e a súa afección, que xa se prepara para recibir o vindeiro martes ao Deportivo Alavés, primeiro equipo de Primeira que visita Santiago en partido oficial en máis de vinte anos. Unha cita para o que o estadio tamén contará con algunhas novidades e no que haberá sorpresas para os asistentes ao mesmo. 

 Antes, este mesmo sábado, hai que visitar ao Avilés nun partido que dará comezo ás 18 horas no Román Suárez Puerta e que se poderá ver, en caso de non desprazarse, pola web do clube local previo paso por caixa. Tamén se poderá seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario