Volta á realidade

 Despois dunha noite para o recordo, coa clasificación para a Final da Copa Federación, o pasado mércores, volvemos á realidade. Esa realidade na que o Compos non é quen de gañar en liga na casa dende a tempada pasada e na que, a diferenza da competición do KO, non está entre os mellores. Nin moito menos. Un Compos que quere asinar o seu primeiro triunfo en San Lázaro a costa dun Guijuelo que buscará en Santiago o seu primeiro triunfo a domicilio. 

 Mal comezo. 

 Outro dos equipos que a pasada tempada acabou nos postos altos, xogando a fase de ascenso á Primeira Federación no caso do Guijuelo, que este ano non foi quen de manter ese bo nivel, ese bo camiño. O equipo castelán pecha a día de hoxe os postos de descenso directo con seis puntos, dous máis ca os nosos, grazas a unha vitoria, tres empates e outras tres derrotas. Un conxunto con problemas á hora de finalizar as xogadas, asinando só seis goles dos cales tres foron nun mesmo encontro, e encaixando oito, deixando a súa porta a cero en dúas citas. 

 Un Guijuelo que non foi quen de afianzar o seu traballo no Luis Ramos pero que tampouco conseguíu ningún triunfo a domicilio. Lonxe de Guijuelo puideron empatar en Posada de Llanera, adiantándose no primeiro minuto de xogo e encaixando o tanto da igualada no segundo tempo, e en Laredo, nun partido con seis goles. A última saída, a Ávila, remataría con vitoria local pola mínima grazas a un gol no segundo tempo. 

 Fóra mellor que na casa. 

 Compos e Guijuelo xa se coñecen ben despois de compartir categoría ata en sete ocasións, oito coa presente. Neste tempo, o Compos foi quen de sumar máis en terras castelás que nun Vero Boquete de San Lázaro onde foron os salmantinos os que máis puntos puideron sacar. 

 Das sete ocasións que se enfrontaron na capital galega, só dúas remataron con vitoria local, chegando ambas as dúas nos últimos catro anos. Tamén chegaría nese treito un dos dous empates mentres que o primeiro sería no 2010, na primeira visita rival. En canto ás vitorias visitantes, tres, chegarían todas entre 2013 e 2016 con vantaxes dun gol de diferenza. 

 En canto á última cita, a pasada tempada, sería o Compos quen levaría os tres puntos. Un só gol de Samu sería suficiente para asinar ese triunfo. Sería, ademais, un partido no que visitarían Santiago Rabanillo e Diego defendendo as cores do Guijuelo, cambiando de bando este verán e tendo a oportunidade de verse co seu ex equipo este domingo. 

  Derrotados. 

 Despois dun resultado histórico en San Lázaro, deixando atrás meses sen conseguir unha vitoria en partido oficial na casa, o Compos volve a unha competición, a liga, na que non é quen de sacar un resultado positivo diante da súa afección. Tampouco está a ser fácil a domicilio e así quedou demostrado a pasada fin de semana cunha derrota en Astillero, caendo contra o filial do Racing de Santander. Un partido onde se adiantaron os nosos cun gol de Fer Cano e no que non tardarían nin dous minutos en empatar os locais, dando a volta ao resultado no segundo tempo. 

 Mesma sorte tivo un Guijuelo que, na casa, xa caía ao descanso contra o filial do Valladolid. Un resultado curto para os branquivioletas, que aumentaron a súa conta na segunda metade. Xa sen tempo para poder cambiar o sino do encontro, os visitantes anotaron o 2-1 definitivo no engadido. 

 Pezas recuperadas. 

 Para este partido, Permuy xa sabe que ten á súa disposición a Diego e Manu Rivas, con minutos a pasada fin de semana. Tamén podería volver entrar na convocatoria Pablo Crespo, quen non tivo minutos no partido de Copa. Por outra parte, quen non entrou na do mércores e si podería estar de volta é Fer Cano, que levou un golpe nun adestramento a primeiros da presente semana.  

 Na sesión vermú. 

 O Vero Boquete abrirá as súas portas, de novo, un domingo pola mañá para tentar ver a primeira vitoria como locais do presente curso. Ás 12 comezará un partido que terá as entradas a 15 euros para adultos, 10 euros para menores de 30 co Carné Xove e 5 euros para menores de idade. Abonados, coma sempre, de balde. 

   Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse en directo na segunda canle da TVG e seguilo nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario