Despois de acadar as semifinais, históricas, da Copa Federación contra un Sestao de Primeira Federación, o Compos buscará agora manter ese bo momento que suma na competición dos mércores na liga. Dúas semanas despois de asinar, ademais, o primeiro triunfo na competición doméstica e coa intención de repetir ese feito conseguido en Miramar, neste caso en Astillero contra outro filial. O Rayo Cantabria, que non pasa polo seu mellor momento, recibirá aos de Antón Permuy coa idea de estragar a festa branquiazul.
De máis a menos.
O Rayo Cantabria tivo un inicio de curso no que semellou poder manter o pulso ao Numancia. Dúas vitorias consecutivas e sen ningún gol en contra para un equipo que mantivo a súa porta a cero, cun empate, na terceira data do campionato. A partir de aí, os rivais atoparían o camiño á porta cántabra e non volverían nin manter a imbabibilidade nin sumar de tres, sumando outros dous empates e unha única derrota.
Como locais, unha de cada. Comezaron gañando ao Llanera na primeira xornada con dous goles de Sergi Baldrich. Pecharían un empate sen goles contra o Laredo dúas semanas despois, comezando a súa xeira sen vitorias na que aínda están inmersos. E sufrirían ante a súa xente a súa única caída, contra un Real Ávila que está a sorprender cos seus resultados nun partido onde se adiantarían os casteláns no primeiro treito do encontro e que sentenciarían a cinco minutos para o final do tempo regulamentario.
Seguimos de copas.
Se falamos da tempada do Compos hai que falar da Copa Federación. Incapaces de gañar en liga máis alá do triunfo en Luanco, o equipo está a amosar unha cara moi diferente na segunda competición do KO da Federación. Vitorias ante Vimenor e Lealtad, de Terceira Federación, e outra contra un Sestao de Primeira Federación e que puxo en serios problemas aos de Permuy. Por diante, a semana que vén, o Poblense por un posto na Final da segunda competición federativa.
Como premio ao bo facer do equipo nesa competición, xa puidemos coñecer ao rival que visitará San Lázaro a finais deste mesmo mes. Será o Alavés, de Primeira división, quen volva a Santiago por primeira vez en case quince anos, despois de facelo na Segunda B.
Todo isto chega con moito traballo e un partido do que aprender moito contra o Sestao en Las Llanas. Un partido onde o gol chegou nunha xogada a balón parado na que Ocaña aproveitou unha mala saída do porteiro e anotou o único gol. A partir de aí, o equipo soubo defender moi ben e aguantar as acometidas dun equipo que se topou cunha versión de Iago Domínguez imperial. O porteiro vigués salvou ao equipo en numerosas ocasións con paradas de moito mérito e deixando unha imaxe del máis que positiva.
Con máis tempo de descanso para preparar a cita chega un Rayo Cantabria que a pasada fin de semana tivo un enfrontamento contra outro filial, o do Valladolid. No Anexo de Zorrilla, Ángel Pérez fixo o primeiro tanto do encontro para os visitantes mentres que, superada a media hora de xogo, sería Jorge Delgado o encargado de facer o empate. Minutos despois, o equipo local quedaría cun home menos e aguantaría o resultado con dez ata o final.
Malos recordos.
Compos e Rayo Cantabria contan xa con tres cursos, catro con este, de experiencia. Tres tempadas nas que as visitas branquiazuis ao Nando Yosu non puideron ser positivas. Tal é así que os nosos non sacan nada positivo a domicilio contra o filial racinguista dende 1978, cando se volveu cun empate sen goles. Menos sorte houbo nos dous últimos cursos, caendo en ambas as dúas ocasións.
Non obstante, nesta ocasión cambiamos de escenario. O partido xogarase en El Astillero, no campo de La Planchada onde xoga o Unión Club. E foi fronte ao club local contra o que xogou o Compos na tempada 71/72 conseguindo un empate a un gol de Pechas.
Tres baixas seguras.
Nova cita para a Esedé e, ademais dalgún problema físico derivado pola acumulación de encontros, só hai que falar das baixas seguras de Diego, Pablo Crespo e Manu Rivas. A maiores haberá que contar con outra baixa para confirmar a lista de dezaoito xogadores e na que semella estar xa listo Selasi, que puido debutar contra o Sestao nos minutos finais deixando unha moi boa imaxe.
De balde.
Este domingo haberá que madrugar para ver ao equipo lonxe da casa. Non obstante, imitando aos outros dous filiais do grupo, o Racing emite os partidos do filial, que xogue de local, na súa canle de YouTube totalmente de balde para todos. Ademais, para quen non se desprace a Astillero, poderá seguirse nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario