O Compos ten a frecha cara arriba. O equipo de Permuy meteu a directa camiño á victoria hai unha semana contra o Vimenor, asinou o primeiro triunfo de liga diante do Marino e onte, nunha eliminatoria para o recordo, superou ao Lealtad. Agora, por diante, a oportunidade de sumar o cuarto triunfo consecutivo e primeiro do curso diante da súa xente. A posible vítima é un Escobedo que comeza a xornada por riba dos nosos e que xa sabe o que é gañar a domicilio.
Chegou a domicilio.
Compos e Escobedo comparten algo en común esta tempada e é que ningún dos dous equipos sabe o que é gañar diante da súa afección neste arrinque de curso. Os de Escobedo de Camargo si o fixeron a domicilio na última saída superando a un sorprendente Ávila, revelación deste arrinque de tempada e ocupando un dos postos máis altos da clasificación.
A maiores dese triunfo en Ávila, os cántabros asinaron unha derrota na súa visita a Laredo na que sería a primeira saída da súa historia na categoría. Na casa, dous empates contra Salamanca e Gimnástica de Torrelavega e unha derrota a pasada fin de semana contra o filial do Valladolid.
Tres consecutivas.
Malia non poder comezar ben a competición, aos de Permuy pareceu sentarlles ben a Copa Federación. Chegaron á competición do KO sen gañar e así chegou o primeiro triunfo. Catro días despois tamén caería do lado branquiazul na visita a Luanco e este mesmo xoves, nunha semana intensa cunha noite inesperada en Villaviciosa, chegaría a terceira vitoria consecutiva para un Compos que sumou, ademais, tres partidos seguidos sen encaixar. Nos dous casos, isto chega un ano máis tarde de que fixera o propio o equipo con Míchel Alonso no banco, superando a Cayón, Guijuelo e Coruxo en liga.
A última contou cun pouco de todo. Á segunda viaxe ata Asturias en tres días hai que engadir que horas antes xa se plantexou un cambio de escenario. Finalmente, por motivos económicos, non se chegaría a acordo entre Lealtad e Sporting polo que Les Caleyes seguiría albergando o partido. O verde, cheo de auga e as liñas sen pintar. Tentouse arranxar o posible e comezou o partido con vinte minutos de retraso. Non obstante, tería que suspenderse pola mala visibilidade das liñas nas áreas. Noite en Asturias, os locais rexeitando xogar de mañá e ás catro se reanudaría un partido que decantou, xa no segundo tempo, Carlos Cinta co seu primeiro tanto. O segundo, no treito final, levaría a sinatura de Landeira, a pase de Hugo Matos.
Máis tempo de recuperación tivo o Escobedo. A pasada fin de semana recibiron ao filial do Valladolid nun partido que encamiñaron os visitantes en algo máis de cinco minutos, con dous goles. Pasado o tempo de lecer, o Escobedo buscaría meterse no partido co 1-2 pero sen tardar moito o equipo branquivioleta en volver poñer os dous goles de diferenza no marcador. Completarían o 1-4 xa no treito final, con todo máis que decidido.
A segunda vez en Galiza.
Por segunda vez na súa historia, o Escobedo, visitará Galiza. Será a primeira vez que o fagan en competición regular despois de facelo, hai cinco anos, na Copa Federación saíndo vivos de Pasarón nun partido sen goles. Con isto, tamén será a primeira vez que se vexa as caras cun Compos ao que nos últimos anos non se lle dan mal os rivais cántabros na casa.
Nove anos van xa dende a última derrota do Compos a mans dun equipo cántabro en Santiago. Sería fronte ao Racing de Santander nun partido onde se adiantarían os locais grazas a un gol de Jordan. No segundo tempo sería quen de anotar o empate Coulibaly e Dioni, a menos de cinco minutos para o final, sumaría o segundo e definitivo para os santanderinos.
Dende ese encontro en 2015 pasarían por Santiago o Rayo Cantabria, Laredo, Cayón e Gimnástica de Torrelavega, sendo os últimos os únicos que sacaron un empate dunha das súas visitas.
Cinta, en proceso.
Para esta cita, Permuy terá as baixas aínda seguras de Diego e Pablo Crespo. Nos capítulo de dúbidas aparecen Manu Barreiro e Pablo Antas, aínda que poderían entrar en convocatoria. Tamén cómpre destacar que Cinta xa puido ser titular anotando o seu primeiro gol coa camisola branquiazul e que poderá ter minutos este domingo dependendo de como recupere do encontro do xoves.
Tarde de domingo.
Volvemos ás tardes de domingo, aínda que isto non será así a semana que vén visitando ao Rayo Cantabria antes de comer, para recibir ao Escobedo o domingo no Vero Boquete de San Lázaro. Un partido que arrincará ás 16:30 horas e para o que xa hai entradas dispoñibles, a 15 euros para adultos, 10 euros para menores de 30 co Carné Xove e 5 euros para menores de idade.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse en directo na segunda canle da TVG e seguilo nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario