Que chegue na liga

 Novo partido de liga, terceiro en oito días e coa mente algo reforzada despois de bater ao Vimenor na Copa Federación. Co obxectivo de sumar o primeiro triunfo en liga co que mellorar o camiño antes de que sexa demasiado tarde, un Compos que visita ao Marino de Luanco de Manel con outro partido máis no horizonte o vindeiro mércores, cando terán que volver a Asturias para enfrontarse, na Copa, ao Lealtad. 

 Un bo comezo. 

 A diferenza do ano pasado, un equipo dirixido por Manel Menéndez si comeza ben este curso. O Marino ocupa a cuarta posición do campionato con sete puntos de doce posibles despois de vencer en dúas ocasións, empatar unha e caer outra. Un equipo que como local deu unha de cal e outra de area, superando ao Laredo e perdendo contra un Ávila que sorprende. Nos dous casos, resultados pola mínima e encaixando no segundo tempo. 

 Un equipo, de novo, adestrado por Manel e que conta con figuras experimentadas como Guaya, Orfila, Morcillo, Alex Arias, Lora ou Nacho Matador. Chega, ademais, despois dunha pretempada coa Copa Federación como plato principal e na que chegaron á semifinal da fase territorial despois de goleadas importantes a Colunga e Tuilla na casa e perdendo contra o Avilés tamén cun resultado moi amplo. 

 Igualdade. 

 Malia non ter moita sorte nos últimos anos, as visitas do Compos a Miramar non tiveron malos resultados. Un enfrontamento que tivo o seu primeiro precedente hai algo máis de vinte anos, despois do paso branquiazul polo fútbol profesional e na mesma tempada na que se acadaría ese último ascenso á Segunda división. Partido que tería á Esedé como vencedora por dous tantos de vantaxe. Sería a primeira das dúas vitorias compostelanistas en Luanco chegando a segunda no 2014. Un ano antes serían os locais os que sumarían de tres repetindo hai tres anos. A maiores, tres empates, dous deles sen goles. 

 Un deses empates foi co que se inaugurou a tempada pasada con Manel visitando a que era a súa antiga casa... e á que volvería despois dun paso polo Compos para esquecer. Un comezo que, malia non ter bo xogo, superaría ao deste ano con cinco puntos de nove posibles. 

 Contamos a Copa? 

 Un arrinque do Compos para ter moi en conta. Polo menos na liga. Un comezo que se sitúa como o segundo peor dunha historia que xa supera os sesenta anos. Non obstante, despois de non ser quen de sumar de tres nos catro anteriores encontros, os de Permuy bateron ao Vimenor, equipo da Terceira cántabra, grazas a un gol de Fer Cano, que está a deixar boas sensacións nos seus primeiros minutos como branquiazul. 

 Pola súa parte, o Marino de Luanco vén de visitar o Anexo de Zorrilla e marchar cun empate. Lora adiantaría aos asturianos pero o traballo do filial do Valladolid acabou tendo os seus froitos e empatarían a falta de cinco minutos para o final do tempo regulamentario. 

 Volve Soto. 

 Para esta cita, despois de contar coas baixas de Pablo Antas e Carlos Cinta na Copa RFEF, Permuy poderá volver a contar con David Soto na liga, despois da súa semana fóra por sanción. Por outro lado, Cinta podería ter minutos ao igual que un Manu Barreiro que non estivo nas tres últimas citas. 

 PPV. 

 Pechamos unha semana de tres partidos coa visita a Miramar o domingo ás 17 horas. Un campo onde non se espera un bo tempo e que oxalá estea nas mellores condicións despois destes días de chuvias. Cita que se poderá ver en FootballClub para quen non se poida achegar á vila asturiana así como seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario