Ten que chegar

 Un comezo do Compos que xa pasou á historia como un dos peores ten, este mesmo domingo, a oportunidade de mellorar na segunda cita como local. Obrigados a sumar de tres non só para rebaixar os fumes senón que, ademais, son necesarios para non perder de vista xa un obxectivo que parecía factible sobre o papel. Diante, un Langreo que o curso pasado puido dar guerra ata a última xornada do campionato e que este mesmo domingo buscará manterse invicto. 

 Sen derrotas. 

 O Langreo arrincou esta tempada de moita mellor maneira que a pasada. Un equipo que pasou de caer nas dúas primeiras saídas no curso anterior, non perdeu ningún dos tres xogos desputados neste. Un triunfo asinado na primeira xornada contra unha Gimnástica de Torrelavega que xa viu caer ao seu adestrador e dous empates contra Ávila e Valladolid Promesas, deixando a súa porta a cero en só unha ocasión.

 Trátase dun equipo que no verán non participou na Copa RFEF, como si fixeron outros do grupo, e ao que lle custou sacar bos resultados, caendo por goleada fronte ao Oviedo Vetusta e repetindo resultado contra a Cultural Leonesa. Por contra, superarían ao San Martín e o Colonia Moscardó. 

 Igualdade máxima. 

 Na historia, Compos e Langreo xa se viron as caras en máis de vinte ocasións ao longo de máis de medio século. En Santiago, entre Santa Isabel e San Lázaro, o número chega a doce enfrontamentos e unha igualdade total que este domingo pode racharse. 

 Cada equipo puido levar no peto catro vitorias, sendo o mesmo número de partidos que se pecharon con empate entre dous equipos que se están vendo cada ano nos últimos cursos. A maiores, a igualada se aumenta cos goles, anotando doce os branquiazuis e once os asturianos, deixando unha mínima diferenza positiva a prol dun equipo ao que non se lle está a dar ben este emparellamento nos últimos anos. 

 Dende a volta dos nosos á Segunda B, e agora na Segunda Federación, será a quinta ocasión na que os dous equipos se vexan as caras na capital galega. Catro enfrontamentos dende 2021 nos que os locais só foron quen de sacar un triunfo pola mínima, un ano despois de empatar a un gol con tanto de Allyson de penalti na derradeira campaña da antiga categoría de bronce tal como a coñecimos. Peores resultados chegaron nas dúas últimas citas, con dúas vitorias pola mínima dun equipo asturiano que ten ben collida a medida ao estadio. 

 Dos peores arrinques da historia. 

 Este comezo de curso para os homes de Permuy está a deixar moi malos resultados e, en gran parte dos minutos xogados, as sensacións tampouco son esperanzadoras. Tal é así que estamos ante o quinto peor arrinque de liga da historia do clube con un punto de nove posibles e só superado, no pasado, por outras catro tempadas nas que non se conseguíu sumar no mesmo treito. Por diante, conseguir ese primeiro triunfo dentro das catro primeiras xornadas, algo que se fixo sempre agás en dúas campañas sendo a primeira a 85/86, asinando ese primeiro triunfo logo de sete encontros, e na 09/10 na que habería que esperar ata doce partidos de liga e un de Copa para gañar. A maiores, dicir que chegamos a unha xornada que xa no pasado serviría, en catro ocasións, para asinar o primeiro triunfo do curso sendo, ademais, sempre como locais. 

 Para iso, o equipo terá que superar o pau encaixado en Riazor a pasada fin de semana, nun partido onde os primeiros quince minutos foron de dominio santiagués con bo xogo. A partir de aí, paso adiante do Fabril e desaparición dun Compos que puido marchar da Coruña cunha goleada moi importante de non ser por unha gran actuación de Rabanillo e a puntería dos xogadores do filial deportivista mandando dous balóns á madeira. Se iso non fora suficiente, hai que sumar tamén a expulsión de Soto por dobre amoestación nunha xogada que deixa dúbidas. 

 Pola súa parte, o Langreo chega despois de sumar un punto na visita do Valladolid Promesas a Ganzábal. Un partido no que se chegou ao tempo de lecer sen goles e que decantou para o visitantes Xavi Moreno na reanudación. O traballo dos locais non caeu en saco roto e no último minuto conseguirían o merecido punto cun gol de Keko Hevia. 

 Problemas na punta.

 A pasada fin de semana puidemos celebrar a volta de Pablo Antas, servindo un pouco de esperanza despois das caídas de Diego e Manu Barreiro, os cales seguen a ser baixa segura por lesión para esta fin de semana. Tamén se asegura a ausencia de David Soto por sanción. No resto semella que non haberá sorpresas e só se continúa coa dúbida de Cinta, que de momento non puido sequera entrar nas convocatorias e, se non hai sorpresa, o fará por primeira vez este domingo ante as outras tres baixas. O que non se pode asegurar é que vaia ter presenza sobre o terreo de xogo. 

 Hai que madrugar. 

 Segunda cita na casa e primeiro madrugón do curso. Sesión vermú en San Lázaro este domingo co partido ás 12 contra o Langreo e para o que as entradas xa están dispoñibles aos prezos habituais de 15 euros para adultos, 10 euros para menores de 30 que posúan o Carné Xoven e 5 euros para menores de idade. A maiores, recalcar que haberá unha proba de motociclismo nos arredores do estadio pola cal non se poderá aparcar na zona de Preferencia nin acceder á mesma. 

 Para quen non poida asistir, poderá verse na segunda canle da TVG e seguirse nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario