Chega a segunda saída despois dos dous enfrontamentos contra os dous grandes favoritos do grupo e chega cun escenario perfecto no que acadar ese primeiro triunfo. Diante, un Fabril que nos recibirá en Riazor para tentar asinar a súa segunda vitoria consecutiva e deixar atrás o mal arrinque asinado en Abegondo hai dúas semanas.
Con futuro.
O Fabril, que nos últimos anos foi o último paso dalgúns xogadores que tiveron oportunidades importantes no primeiro equipo, afronta esta nova tempada na Segunda RFEF co obxectivo de manter a categoría e formar novas perlas que sigan os pasos de Yeremay e Mella entre outros. Xunto eles, dúas novas fichaxes que chegaron no treito final dunha pretempada na que asinaron grandes resultados, caendo só contra Lugo e Compos, no Memorial; e con pasado na Esedé como son Darío Germil e Damián Canedo, sendo o dianteiro titular o primeiro e contando con minutos o segundo.
Despois dunha boa preparación, non conseguiron sequera puntuar en Abegondo contra un Ávila que aproveitou un erro defensivo dos coruñeses para adiantarse e salvaron todas as acometidas dun filial coruñés que non tivo puntería para sacar un empate quizais máis merecido. Mellor foi a pasada fin de semana na súa visita a outro filial, o do Valladolid, conseguindo remontar.
Volvemos a Riazor.
Tres anos despois, Riazor volverá a recibir ao Compos. Tres anos despois de, en post-pandemia, ver como Brais Abelenda e Miki Villar facían que unha afección enteira celebrase como nos vellos tempos. E trinta e sete anos despois da última vitoria asinada contra o Fabril na Coruña, sendo incapaces de sumar de tres en Abegondo con dous empates e dúas derrotas no feudo branquiazul.
Riazor foi presente de grandes encontros ao longo da historia contra o Deportivo, con dous triunfos santiagueses e catro para os locais, e o seu filial, chegando neste caso a dezaoito citas con oito vitorias da Esedé, sete para os locais e tres empates. Un estadio que, no 76, foi incluso a casa do Compos nun partido, contra o Basconia, no que gañaron os nosos.
Na última visita ao Fabril, en Abegondo, o partido rematou sen goles e escasas ocasións para os dous equipos, sendo xusto ese resultado inicial ao final dos noventa minutos. Sería o primeiro partido como titular de Hugo Matos.
Por outra parte, os dous equipos se viron as caras no Memorial Antonio Bermúdez, na semana que pechaba a pretempada, sendo o Compos o gañador por tres goles, con tantos de Ocaña, Hugo Matos e Diego.
Remontadas.
Tanto Compos coma Fabril conseguiron darlle a volta a dous resultados adversos a pasada fin de semana. Os santiagueses, na casa, conseguindo un empate importante contra un dos rivais máis fortes. Os coruñeses, a domicilio, diante dun rival directo para acadar a súa primeira vitoria.
Os de Permuy conseguiron sacar un punto moi importante e valioso contra un Pontevedra que se amosou moi superior no primeiro tempo. Dalisson e Rufo materializarían esa superioridade sobre a portería de Rabanillo poñendo o 0-2 en só quince minutos. Dita vantaxe puido verse aumentada cunha serie de ocasións claras que non foron quen de transformar perdoando a vitoria. No segundo tempo acabarían por baixar os brazos e sería o momento no que aproveitarían os locais para achegarse á porta granate con perigo, asinando Giuliano o primeiro e Manu Rivas, no engadido, o empate definitivo nun xogo que se pechou coas lesións de Manu Barreiro e Diego.
No Anexo de Zorrilla sería o filial do Valladolid o que se poría por diante no marcador cun gol de Frimpong, que xa anotou contra o filial coruñés nos dous partidos da tempada pasada. No segundo tempo, empataría o Fabril cun gol olímpico de Marotías e conseguiría a remontada, tres minutos despois, cun tanto obra de Luisao.
Golpes duros.
Para esta fin de semana, Antón Permuy perde para o derbi a dúas pezas importantes nos seus plans. Diego estará oito semanas fóra dos terreos de xogo logo do seu paso polo quirófano mentres que Manu Barreiro estará semana e media de baixa. Tampouco estará dispoñible todavía Carlos Cinta e segue a ser dúbida, aínda que podería viaxar, Pablo Antas.
Por outra parte, Giuliano si poderá estar dispoñible despois de retirarse do terreo de xogo a pasada fin de semana en padiola.
Diferentes formas de ver o derbi.
Esta fin de semana haberá marea de picheleiros en Riazor despois de que o clube puxera a disposición dos abonados entradas a 10 euros dispoñibles en San Lázaro para os visitantes. Un partido no que se espera un gran ambiente e que dará comezo ás 20 horas deste sábado.
Para quen non poida asistir, poderá verse tanto na canle de YouTube do Deportivo coma na segunda canle da TVG. Tamén se poderá seguir nas contas de twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario