O gran derbi

 Segunda xornada, primeira cita oficial en San Lázaro, e xa chega o partido máis desexado da liga. Recibimos a un Pontevedra co que, sobre o papel, se pelexará ata o final nos postos altos da clasificación. Un rival que nos deixará un gran espectáculo sobre o verde do Vero Boquete e contra o que os de Antón Permuy buscarán deixar unha imaxe mellor que a proxectada en Soria o pasado domingo, nun campo que se segue a resistir. 

 Sempre favoritos. 

  O Pontevedra buscará certificar o que a tempada pasada non conseguiron. O equipo de Yago Iglesias, que volverá á que foi a súa casa durante cinco anos, mantén unha gran base do ano pasado con xente coma Charly, Dalisson, Rufo ou Yelko. A maiores, fichaxes coma Javi Fontán, Xabi Domínguez, Iago Novo ou Héctor Hernández que darán máis nivel e posibilidades ao equipo granate, que xa demostrou na primeira xornada estar enchufado de cara á porta contraria. 

 Un equipo que vén de facer unha pretempada importante na que se enfrontaron contra Depor, Arenteiro ou Lugo, perdendo só cos dous primeiros, e completando con equipos de categorías inferiores que lles deron a oportunidade de probar máis cousas de cara á cita fronte ao Valladolid Promesas que souberon solventar dende os once metros. 

 Diferentes sensacións. 

 Malia ser só a primeira xornada de campionato, as sensacións non foron iguais para Compos e Pontevedra o pasado domingo. Os de Antón Permuy non foron quen de sumar en Soria, na súa visita a Los Pajaritos, contra un Numancia que se amosou superior e que suou para superar á defensa branquiazul, tendo que atopar o camiño do gol dende lonxe. No segundo tempo serían os galegos os que terían as mellores oportunidades con Santi De Prado e Manu Rivas gozando de dous man a man co porteiro que salvou o gardameta local. E pecharía a vitoria o Numancia dende os once metros xa no engadido, deixando sen ningunha clase de opción aos visitantes. 

 En Pasarón, máis igualdade. Contra o filial do Valladolid, os de Yago Iglesias contaron con serios problemas para abrir a lata. Sería Rufo no segundo tempo, dende os once metros, o encargado de inaugurar a conta do conxunto granate neste curso. 

 Historia favorable. 

 Doce veces visitou San Lázaro un Pontevedra que só foi quen de marchar co triunfo en 2009, no que anotaron Santi Villa e Gerardo por partida dobre para os granates e Sergio Castaño, en propia, para os nosos. A maiores, catro vitorias branquiazuis e ata sete empates, os cales se repetiron nas tres últimas citas sendo a última vitoria branquiazul en 2016.

 Na última ocasión, Hugo Matos abriría a lata nunha gran xogada combinativa. Charly non tardaría en igualar a contenda nunha xogada a balón parado e Soto faría efectiva a 'lei do ex' poñendo por diante, de novo, á Esedé xusto antes do tempo de lecer. No segundo tempo, de novo nunha xogada a balón parado, chegaría o empate definitivo cun gol de Dalisson. 

 O primeiro gol faise de rogar.

 Como xa ocorreu hai tres tempadas, o Pontevedra podería ser quen encaixe o primeiro gol do curso dun Compos que non puido ver porta na primeira xornada, algo que se repite por segundo ano seguido. Ademais, podería repetir nesta lista Manu Barreiro, que inaugurou a conta na goleada do curso pasado contra a Arandina na segunda xornada. 

 Ao anterior hai que engadir que o Compos non perde o seu primeiro partido na casa dende 2010, cando o fixo contra o Betanzos cunha goleada importante por catro goles de diferenza. Neste tempo, só un empate contra o Depor, sen goles, na primeira tempada post-pandemia e sen público nas bancadas. 

 Pode haber estrea. 

 A pasada fin de semana se estrearon coa camisola branquiazul Rabanillo, Diego, Óscar Gil, Fer Cano, Jesús Ocaña e Giuliano. Este domingo pode facelo, neste derbi, un Carlos Cinta que na súa presentación xa comentou estar dispoñible para desputar uns minutos ás ordes de Antón Permuy. 

 Por contra, Álvaro Casas e Pablo Antas poderían seguir sendo baixa unha semana máis aos que se sumará outro xogador máis para completar a convocatoria de dezaoito xogadores. 

 Volta ao templo. 

 Por segunda vez neste verán, ao que xa lle queda pouco para deixarnos de xeito oficial, o Vero Boquete de San Lázaro abre as súas portas. O fará este domingo para acoller, dende as 17 horas, o derbi entre Compos e Pontevedra. Para o mesmo, as entradas están xa dispoñibles a 15 euros nas dúas bancadas, 10 euros para menores de 30 anos co Carné Xoven e a 5 euros para menores de 16. 

Por contra, para quen non poida asistir, o partido poderá verse en directo na segunda canle da TVG así como seguir nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario