Comeza decembro, o derradeiro mes deste 2023, e faino co mellor partido da tempada. En Pasarón, dous dos mellores equipos da categoría van medir as súas forzas chegando nun gran momento de forma, con dous dos mellores adestradores do fútbol galego e que non deixarán nada por sacar. Pontevedra e Compos. Yago Iglesias e Míchel Alonso. Terceiro contra sexto. O equipo máis goleador contra o segundo en mellor forma actual. E un ambiente digno doutra categoría entre dous ex Primeira división.
Favoritos por plantilla.
Malia non conseguir estar no máis alto da clasificación, o Pontevedra non deixa de ser o gran favorito ao ascenso directo. Un equipo ás ordes de Yago Iglesias que precisou de dous partidos para arrincar pero que, a partir da terceira xornada, non tivo quen o freara... ata a pasada fin de semana. Un equipo que marcha terceiro, afianzado nos postos altos e que perdeu o rastro dos dous primeiros en Oviedo.
Vintecinco puntos suma o Pontevedra nestas primeiras trece xornadas do campionato. Sete vitorias, catro empates e só dúas derrotas para un cadro granate que se presume como o máis goleador do campionato con vintenove goles a favor, máis de dous de media por partido. Tamén se trata dun dos equipos con mellor promedio defensivo con só nove goles encaixados.
En canto aos seus partidos na casa, só a Gimnástica Torrelavega foi quen de sacar os tres puntos de Pasarón na primeira xornada do campionato. O Rayo Cantabria, deixando a súa porta a cero, asinou un empate. Menos sorte tiveron Langreo, Guijuelo, Oviedo Vetusta e Arandina que non só perderon senón que, ademais, non conseguiron ver portería nun campo onde só o conxunto cántabro anotou na primeira data do campionato.
Unha longa historia.
Compos e Pontevedra son vellos coñecidos. Tanto que este enfrontamento se viviu por primeira vez hai máis de corenta anos nunha Segunda B que viviu moitos enfrontamentos entre dous ex Primeira división. E, a partir de aí, once cursos compartindo categoría nos que a Esedé sumou un total de seis triunfos mentres que os granates fixeron o propio en tres. A iso hai que engadir ata un total de trece empates.
En Pontevedra, once encontros nos que cada equipo sumou dous triunfos ademais de sete empates. Un deses reparto de puntos chegou na última cita dos nosos na cidade do Lérez cun gol de Pablo Durán para os branquiazuis na que era a súa estrea vestido de branquiazul.
Diferente chegada.
Para esta xornada, branquiazuis e granates chegan en diferente dinámica. Os de Yago Iglesias non foron quen de sacar nada positivo da súa visita a Oviedo. Un partido onde se adiantaron os pontevedreses no primeiro tempo cun gol de Samu Mayo, chegando así ao tempo de lecer. No segundo tempo, o Covadonga puido aproveitar ata dúas penas máximas para dar a volta ao partido e incluso sentenciar cun terceiro gol.
En San Lázaro, o Compos foi quen de superar ao Coruxo nun partido complicado e escaso de ocasións. Unha cita na que se adiantou o cadro local cun gol de Fer Beltrán nos minutos finais repetindo o mesmo guión do partido de Guijuelo, sumando de tres por terceira vez consecutiva por primeira vez este mesmo ano.
Unha lei do ex especial.
Se ben é certo que hai ex Pontevedra nas filas do Compos, como é o caso de David Soto, Manu Barreiro e Samu Araújo; ou Yago como adestrador granate logo do seu paso por Santiago; neste caso hai que falar de que ata seis xogadores poderían estar este domingo fronte ao seu ex adestrador. Soto, Álvaro Casas, Juampa, Pablo Antas, Pato, Borja Rey e o recén chegado Roque, aínda en idade xuvenil, estiveron ás ordes do de Palmeira durante a súa etapa de cinco anos na Esedé. Tamén Samu, agora de baixa.
Dúas baixas seguras.
Para esta cita, David Soto e Riki Mangana son as dúas únicas baixas seguras. Os dous defensas non poderán estar mais si podería Roque, despois de asinar esta mesma semana ata o final do curso. Si hai que contar con algunha dúbida por problemas físicos pero intentarán chegar todos no mellor estado posible.
Por outra parte, Pep Caballé suma a súa segunda xornada seguida apercibido e non estaría contra o Oviedo Vetusta de ver un quinto cartón este domingo.
Gran representación.
Pasarón abrirá as súas portas este domingo para unha cita inmellorable, cos mellores xogadores sobre o verde. Unha cita que tamén terá un gran ambiente nas bancadas con máis de trescentas persoas chegadas de Santiago xa co entrada repartidas polo clube, tendo que pedir ata en dúas ocasións un aumento con respecto á cantidade inicial.
Por contra, para quen non poida ir, poderá ver o derbi na TVG2 e na web e seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario