Tres puntos para tres vitorias

 O Compos segue sumando de tres e faino por terceira vez consecutiva, sendo a primeira ocasión que suma un nove de nove en cuestión dun ano. Ademais, Míchel Alonso suma xa cinco vitorias de seis partidos de liga dende que chegou ao equipo e, como pasou na última vitoria branquiazul contra o Coruxo en San Lázaro, se fixo valer a 'lei do ex' sendo neste caso Fer Beltrán o autor do único gol dun partido sen ocasións perigosas. 

 Compos e Coruxo medían forzas nun partido entre dous dos equipos máis en forma do momento. Dous rivais con moito en xogo e que amosaron as súas mellores cartas a nivel táctico, anulándose uns aos outros. Con isto, e cos locais tentando levar o peso do partido, as mellores ocasións chegaron sobre a portería viguesa con Parapar buscando sorprender cun disparo cruzado dende lonxe que se foi por pouco e Euse nun córner que non foi quen de rematar entre os tres paus. 

 Do segundo tempo, algo máis do mesmo. Balón para o Compos contra un Coruxo esperando atrás para poder saír á contra buscando un fútbol máis directo. Así, as ocasións tampouco se puideron ver nunha partida de xadrez que tivo o golpe definitivo a falta de oito minutos. Un saque de banda en curto para Parapar, centro á frontal da área pequena e aparece Fer Beltrán entre os centrais para rematar e superar ao porteiro. 

 Co gol xa no luminoso, nun marcador que amosou unha imaxe máis limpa, o Coruxo tentou dar un paso adiante, con algo menos de quince minutos entre o tempo regulamentario restante e o engadido. Non obstante, o gran momento polo que pasa a defensa branquiazul evitou que acabara o xogo cun empate. 

 Tres puntos de ouro para un equipo que non só leva tres vitorias consecutivas senón que, ademais, son tres citas sen encaixar ningún gol. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario