Derrota con consecuencias

 O Compos non só non foi quen de sacar nada positivo de Pasarón senón que, ademais, paga cara a derrota máis avultada en catro anos, despois da goleada sufrida na Laracha no 2019. Unha caída contra o Pontevedra nun partido onde hai que lamentar a lesión de Pablo Antas, sufrida no primeiro tempo, e as expulsións de Pato e Álvaro Casas. Tres baixas, ás que sumar a de Pep Caballé, complicadas para afrontar o partido da vindeira fin de semana contra o filial do Oviedo. 

 Sobre o verde de Pasarón, pouca cousa que contar. No primeiro tempo dominou o conxunto granate buscando a portería de Pato mais sen chegar a disparar entre os tres paus. Diante, un Compos que buscou frear as acometidas dos locais e probar sorte en xogadas rápidas. Non obstante, o primeiro golpe chegou antes do tempo de lecer en forma de lesión de Pablo Antas, algo que semella muscular e veremos ao longo desta semana o seu alcance. 

 A partir de aí, e ata o final dos primeiros corenta e cinco minutos, só unha ocasión entre os tres paus. Unha xogada que comeza na banda esquerda do ataque e que acaba cun disparo de Fer Beltrán ante o que Edu Sousa saca unha gran man evitando o que puido ser o primeiro gol. 

 Vinte minutos para esquecer. 

 O segundo tempo non puido comezar peor. Nos primeiros minutos, unha suposta na área visitante que se cobra con cartóns amarelos para Jordan e Pep Caballé, que cumpre ciclo a vindeira semana. Un penalti que non perdoa Rufo dende os once metros para adiantar aos pontevedreses. 

 Cinco minutos despois, co Compos xa fóra do partido, unha acción na área entre Pato e Churre acaba co defensa rival no chan despois dun contacto, lixeiro, do gardameta e a expulsión do uruguaio. Outro penalti e de novo non perdoa Rufo, neste caso xa con Borja Rey baixo paus. 

 Cos dous goles en contra, xa só quedaba un equipo sobre o verde. A maiores, para complicar máis as cousas, chegaría a expulsión de Álvaro Casas por dobre amoestación. E xa con nove se acabou o partido, como quen di, chegando aínda un terceiro gol, obra de Charly, ante un rival vencido en todos os niveis. 

 Agora toca erguerse do golpe e pensar en superar ao Oviedo Vetusta na derradeira cita do ano no Verónica Boquete. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario