O 2023 toca ao seu fin e o Compos despídese na casa coa intención de volver ao camiño da vitoria despois do esvarón sufrido a pasada fin de semana nun partido cheo de polémica. Diante, un Oviedo Vetusta que aínda non saíu dos postos de descenso malia golear nun derbi asturiano a pasada fin de semana entre dous veciños da propia cidade. Ademais, oportunidade de encadear a cuarta vitoria consecutiva como local para un equipo por primeira vez nun ano.
Sen gañar a domicilio.
O Oviedo Vetusta non está a ter a súa mellor campaña. O filial asturiano pasou de acabar na parte alta da táboa o pasado curso a pelexar nesta primeira volta por non baixar á Terceira Federación. E, a día de hoxe, non están a ter sorte para sumar a permanencia ocupando eses postos baixos nos dous últimos meses.
Con quince puntos no seu peto, o filial ovetense ocupa a primeira posición de descenso igualado a puntos coa Gimnástica de Torrelavega, en promoción de permanencia, e Real Avilés Industrial, que ocupa o último posto de permanencia. Isto chega despois de tres vitorias, seis empates e cinco derrotas. Un equipo que asinou quince goles e que encaixou vinte, sendo o cuarto que máis veces tivo que recoller o balón do fondo das súas propias redes.
Desas tres vitorias totais ningunha chegou a domicilio. Xunto co Cayón, trátase dos dous únicos equipos que non saben o que é sumar de tres lonxe da súa casa. De feito, a última vitoria do filial azul chegou en marzo, en Zamora. Si conseguiron un total de catro empates quedando só sen marcar en Langreo e adiantándose en dúas das tres citas restantes. A maiores, tres derrotas con goleadas en Pontevedra, Zamora e Santander.
Máis de cincuenta anos.
Hai cincuenta e cinco tempadas, Compos e Oviedo Vetusta se viron as caras por primeira vez. Daquela visita a Santa Isabel do filial ovetense a hoxe, na Terceira división, coincidiron nun total de seis tempadas con resultados positivos para o cadro branquiazul, que se levou a metade dos enfrontamentos ante as tres vitorias asturianas e outros tantos empates.
En Santiago, tanto en Santa Isabel coma en San Lázaro, catro citas acabaron con vitoria branquiazul destacando un 7-1 en 1970. Ademais, dous empates sen goles e ningunha vitoria visitante en ningún enfrontamento para un equipo que só anotou un gol nas súas visitas, na goleada antes contada.
Na última cita, un empate sen goles entre os dous nun partido con pouco fútbol e menos acerto abrindo unha segunda volta que deixou moito que desexar nos nosos.
Papeis cambiados.
A pasada fin de semana, Compos e Oviedo Vetusta pareceron cambiar os papeis. Un equipo que caeu despois de tres vitorias consecutivas e outro que asinou unha vitoria con goleada incluída mes e medio despois da última vez que sumaron de tres.
En Pasarón, a polémica máxima deixando moitas consecuencias. O Compos chegaba coa opción de achegarse aos postos altos e non tardou en sufrir o primeiro golpe, en forma de lesión de Pablo Antas quedando fóra dos campos ata xaneiro. No segundo tempo, un penalti que inventa o colexiado e outro de Pato con Churre esaxerando puxeron os dous goles de vantaxe no marcador nun mal partido e sen ocasións para os granates máis alá dos dous penaltis. E como a can fraco todo son pulgas... Expulsión tamén de Álvaro Casas, quinto cartón para Pep Caballé e Juampa e un terceiro gol cando o Compos xa non quería xogar máis.
Mellor lle foi ao Oviedo Vetusta no derbi de Oviedo contra o Covadonga. O filial sumaba máis dun mes sen gañar e nun enfrontamento na zona baixa chegou ese triunfo tan necesario para un equipo que perdeu moitos efectivos do pasado curso camiño do primeiro equipo. Aimar Collante por partida dobre, Xavier Sola, Santi Miguélez e Diego Menéndez asinaron a manciña.
Queda alguén para xogar?
Para este domingo, problemas. Álvaro Casas, Pato, Pep Caballé e Juampa deben cumprir un partido de sanción. David Soto e Riki Mangana seguen coas súas recuperacións e tampouco estarán. Tamén cae Pablo Antas, que estará de baixa as dúas semanas que quedan de competición ata finalizar o ano. A maiores, hai que sumar as dúbidas de Antón de Vicente e Parapar que, de chegar, non estarán ao cen por cen. Con isto, a presenza da base non só se vai notar, e ben, na convocatoria senón que tamén apunta a que haberá máis dun con boa cantidade de minutos nesta cita da que intentar sacar algo positivo sexa como sexa.
A despedir o ano.
Este domingo pechamos o ano en San Lázaro, a falta da visita a Avilés, cunha nova cita na hora do vermú. Ás 12 da mañá teremos, neste decembro frío e con chuvia, o derradeiro partido deste 2023 na casa nun partido coas entradas xa dispoñibles na web cos prezos, habituais, de 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada.
Por contra, para quen non poida ir, poderá ver o derbi na TVG2 e na web e seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario