Un derbi especial

 Este domingo chega unha nova cita no Verónica Boquete e faino de forma moi especial para boa parte dos nosos xogadores e tamén para Míchel. O equipo, que está moi en forma, quere seguir polo seu bo camiño contra un Coruxo que sumou os últimos nove puntos en xogo e que buscará facer o propio en Santiago por segunda vez na historia. 

 Dos equipos máis en forma. 

 O Coruxo, que non arrincou ben a tempada, está a sumar un mes de novembro inmellorable. O equipo vigués sumou os nove puntos desputados no que levamos de mes sumándoos aos cinco puntos asinados no dous primeiros meses de competición. Con isto, grazas aos seus catorce puntos, o equipo verde sae dos postos de descenso semanas despois, podendo respirar tranquilos xusto antes da súa visita a San Lázaro. 

 Catorce puntos conseguidos grazas a catro vitorias e dous empates, ademais de seis derrotas. Equipo con pouco gol ata agora, con trece anotados chegando a metade nos tres últimos partidos; e que encaixou ata dezaoito tantos. Uns números que non son tan positivos fóra do Vao, onde só conseguiron gañar hai dúas semanas pola mínima en Aranda de Duero. A maiores, cinco derrotas nas que encaixaron once goles. 

 No mellor momento. 

 Sen dúbida, esta cita chega nun dos mellores momentos posibles en canto ao espectáculo. O Compos está nun momento inmellorable. Dúas vitorias consecutivas, catro nos últimos cinco encontros de liga con Míchel, e unha mellora importante en canto a xogo. Non obstante, non todo foi doado neste tempo e en Guijuelo houbo que esperar unha xenialidade de Manu Barreiro para sumar de tres nun mal partido no xeral. 

 Tres son as vitorias consecutivas que encadea o conxunto vigués. Superaron a Marino de Luanco, Arandina e, a pasada fin de semana, ao Covadonga. No Vao comezou gañando o cadro asturiano nos primeiros intres, cun gol dende os once metros. Vander empatou antes do tempo de lecer mentres que Davo e Dani Vidal conseguiron dar a volta ao resultado no segundo tempo. 

 Só unha derrota. 

 Compos e Coruxo son xa vellos coñecidos. Tanto que a primeira vez que se viron as caras data de hai sesenta anos. Máis de medio século no que se viron as caras tanto na Terceira galega coma na Segunda B e, agora, na Segunda Federación, nun total de catorce campañas. Un enfrontamento do que sae ben parado o Compos, coa metade dos partidos acabados en vitoria branquiazul.

 En Santiago, entre Santa Isabel e San Lázaro, o Compos sumou ata nove triunfos. Catro citas remataron en empate e só unha vitoria viguesa, no 2016. Dos repartos de puntos, dous chegaron nos dous últimos anos. O curso pasado, Chiqui adiantou aos verdes pero non tardou en empatar Darío nun encontro con numerosas amoestacións e a expulsión de Samu deixando con dez ao equipo durante media hora. 

 Moitos ex. 

 Este domingo será unha cita especial para varios dos nosos xogadores. Antón de Vicente, Juampa, Riki Mangana e Fer Beltrán volverán enfrontarse ao seu ex equipo. No caso de Antón, por primeira vez despois dunha etapa de sete anos no Vao. Pola súa parte, o resto xa saben o que é xogar este partido con Juampa autor de dous goles na vitoria pola mínima do Compos contra o Coruxo en 2021. 

 Seguimos con baixas. 

 Unha semana máis, Míchel non poderá ter dispoñible ao equipo por completo. David Soto, Samu Araújo e Fran López seguirán fóra unha semana máis. A maiores, hai que contar que Pep Caballé chega con catro cartóns e non podería estar en Pasarón no caso de ver un neste derbi. 

 Con cambio de horario. 

 O partido, que estaba marcado para o domingo ás 16 horas, finalmente comezará hora e media despois por mor dun cambio de horario por parte da TVG, chegado por outro cambio de horario noutro partido de superior categoría. Un partido no Vero Boquete cos prezos habituais, xa na web, a 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada. 

 Por contra, para quen non poida ir, poderá ver o derbi na TVG2 e na web e seguilo nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario