Primeira oportunidade

 Dende a chegada de Míchel Alonso, o Compos está a dar unha imaxe moi diferente ao comezo do curso, moi positiva. Un cambio de dinámica que se ve reflexado nos resultados e, sobre todo, na clasificación deixando a parte baixa da táboa e tendo esta semana a oportunidade de achegarse aos postos privilexiados. Diante, un Guijuelo que pecha ditos postos con tres puntos de vantaxe sobre os nosos, separados por Langreo e Racing Villalbés. 

 Bo comezo. 

 Por segundo ano consecutivo na categoría, o Guijuelo está a facer un gran comezo de curso. O conxunto salmantino é quinto clasificado vendo perigar eses postos altos esta xornada, recibindo a un dos equipos máis en forma do último mes. Un posto privilexiado ao que chegan grazas aos dezaoito puntos sumados con cinco triunfos, tres empates e outras tres derrotas. Todo isto malia ser o segundo equipo da zona media-alta que menos goles anota, con doce ao seu favor, e de encaixar o mesmo número de tantos en contra. 

 Se ben lonxe da casa non acaban de atopar o bo camiño, do Municipal Luis Ramos só saíu un punto co empate conseguido polo Real Oviedo Vetusta, nun partido onde se adiantaron os asturianos no primeiro tempo. Tamén o Rayo Cantabria foi quen de chegar ao tempo de lecer con vantaxe mais sendo incapaces de aguantar, caendo no último minuto do tempo regulamentario. Menos acerto tiveron Langreo, Coruxo e Arandina caendo sen sequera poder marcar nun campo do que non saen os tres puntos dende abril. 

 Moitos puntos. 

 Se ben esta tempada é un campo do que non saen case puntos, o Luis Ramos non é un campo que se lle dera mal ao Compos na historia, a cal comezou entre ambos hai catorce anos. De feito, de seis visitas, só unha acabou sen puntos para o cadro santiagués. 

 No 2009 chegou a única derrota deste emparellamento, pola mínima, cun Compos afectado por razóns extradeportivas. Máis acerto habería tres anos despois conseguindo un empate a un gol que melloraría ao ano seguinte cun triunfo pola mínima para os nosos. En 2015 repeterían o resultado de dous anos atrás para poñer unha pausa de cinco anos, repetindo resultado por terceira vez. 

 O camiño á vitoria volvería, con suspense, este mesmo ano, en febreiro. Fer Beltrán adiantaba ao Compos nos primeiros minutos do xogo. Nin dez minutos tardaría o conxunto local en asinar o empate volvendo deixar por diante aos branquiazuis o do Saviñao. No segundo tempo, Darío asinaría o terceiro co que poñer algo de tranquilidade a un partido que tería un gol local máis a escasos minutos para o final do tempo regulamentario. 

 Dos máis en forma. 

 O Compos chega a esta cita como un dos equipos máis en forma tomando o último mes. Dende a chegada de Míchel Alonso, o equipo parece outro e así o demostran os resultados. Nove puntos, con dúas vitorias na casa e unha a domicilio, de doce posibles. Un gran camiño que tivo a súa última parada a pasada fin de semana contra o Cayón, nun encontro no que os santiagueses se viron moi superiores.

 Dos goles de Jaime Santos e Juampa en San Lázaro, ao partido sen goles en Oviedo. Contra o Covadonga, o Guijuelo non puido sacar máis dun empate nun partido sen goles. Ocasións claras pero non acerto entre dous conxuntos moi separados na táboa e que sumaron un punto importante para os dous. 

 Volve Riki Mangana. 

 Despois dunha lista ampla de baixas e dúbidas a pasada fin de semana, para este partido hai que falar da volta de Riki Mangana. O lateral xa adestrou co resto dos compañeiros esta semana e podería estar este domingo dispoñible despois de caer no encontro fronte ao Ourense. Por outra parte, seguen fóra Fran López, David Soto e Samu Araújo. 

 A golpe de sábado. 

 Agora que a chuvia nos dá un respiro, este sábado teremos unha nova cita para ver a un Compos a domicilio. Un partido complicado, nun campo que non se lle dá mal aos nosos, para intentar volver ao bo camiño fóra da casa, tentando igualar o número de puntos colleitados en San Lázaro. Nesta ocasión, hai que esperar un día menos do normal, pero arrincando tamén ás 17 horas. 

 O partido poderá verse, previo paso por caixa, en FootballClub. Por contra, para quen non queira pagar, tamén se poderá seguir nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario