O Compos volveu demostrar un bo fútbol en San Lázaro malia as baixas coas que contaba o equipo de Míchel Alonso. Unha vitoria mantendo a porta a cero, primeira vez que isto se cumpre no que vai de curso, contra un Cayón que non presentou moita oposición, sendo totalmente superados polos locais. Jaime Santos e Juampa, que se estreou nunha nova posición este curso, anotaron os dous goles dunha Esedé que se achega aos postos privilexiados con bo fútbol.
Cun once marcado polas baixas, con Juampa e Pep Caballé ocupando as bandas por completo, o cadro santiagués non tardou en poñerse por diante no luminoso. Córner que bota Antón de Vicente e cabecea, no corazón da área, Jaime Santos elevándose por riba dos defensas cántabros. Un primeiro gol que servía para abrir a lata contra un equipo difícil de superar e que se viu, minutos despois, cun segundo golpe en forma de lesión.
Co paso dos minutos, o equipo local mereceu aínda máis. Hugo Matos, que fixo unha gran actuación atrevéndose a todo, buscou sorprender dende lonxe mandando o balón ao traveseiro. Tamén Pep Caballé, despois de que Jaime Santos tocara o balón; Jordan e Kike estiveron a piques de ampliar unha vantaxe curta.
Non obstante, habería que esperar a despois do paso por vestiarios. O segundo tempo non puido comezar de mellor xeito. Un centro de Pep Caballé dende a banda dereita directo ao segundo pau e aparece o extremo para pegarlle de primeiras.
Co segundo no luminoso, o equipo baixou o ritmo permitindo ter algo máis o balón a un Cayón que tampouco soubo que facer con el. A maiores, chegaron os trocos cos primeiros minutos en liga para Landeira e Dani Varela deixando moi boas sensacións.

Ningún comentario:
Publicar un comentario