Despois das derrotas contra Tenerife, en Copa, e Langreo, o Compos volve a San Lázaro a buscar os tres puntos cos que poñer terra de por medio con respecto aos postos baixos e achegarse á promoción de ascenso, obxectivo despois do arrinque de curso. Diante, un Cayón que quere saír dos postos de descenso volvendo sumar como fixeron dende que comezou o mes de outubro.
Obxetivo: permanencia.
O Cayón suma a súa segunda tempada na Segunda Federación despois de desputar a primeira campaña da categoría, hai xa dous anos. A súa primeira presenza na categoría rematou cun descenso, a doce puntos da permanencia. Este ano, o obxectivo volve ser salvarse da caída á Terceira Federación e están a buscalo a base de empates.
Os cántabros, despois de dez xornadas, mantéñense no pequeno grupo de equipos que só sumaron un triunfo. Non obstante, sumaron seis empates, encadeando catro consecutivos no mes de outubro. En canto a derrotas, sufriron tres caídas durante o primeiro mes de competición e sempre pola mínima. Un equipo que é dos que menos goles anotaron, con oito tantos a favor, pero que tamén se sitúa entre as mellores defensas con nove goles en contra.
Dos nove puntos que sumaron esta campaña, só tres foron a domicilio. Non foron quen de marcar nin sacar nada positivo de Zamora nin Oviedo. Si houbo máis sorte nas visitas a Vigo, Santander e Aranda, marcando nos dous últimos para empatar e deixando a súa porta a cero só no Vao.
Pasaron máis de corenta anos.
Na tempada 78/79, hai xa corenta e cinco anos, coincidiron por primeira vez en liga, na Terceira división, santiagueses e cántabros. Dous partidos que remataron cun triunfo por equipo, cada un na súa casa. En Santa Isabel, Prol e Ino marcaron os dous tantos branquiazuis para sumar dous puntos entre dous conxuntos que asinarían a permanencia ao final do curso.
En canto a este curso, o Cayón será o primeiro equipo cántabro que visite o Vero Boquete. A pasada tempada fixeron o propio Laredo, Rayo Cantabria e Gimnástica de Torrelavega marchando os tres sen nada, quedando os nove puntos totais en Santiago.
Para ver a última vitoria cántabra en Santiago hai que remontarse a decembro de 2015. Jordan Sánchez adiantou naquela cita aos branquiazuis no primeiro tempo mentres que Coulibaly igualou o resultado á volta dos vestiarios e Dioni asinou o gol da vitoria nos minutos finais, sen case tempo de reacción.
Diferente chegada.
Compos e Cayón chegan despois de sumar resultados moi diferentes a pasada fin de semana, sufrindo unha caída o equipo de Míchel Alonso e asinando o primeiro triunfo da tempada o cadro dirixido por Luis Fernández.
En Langreo, terra sempre difícil para os intereses da Esedé, chegou a primeira derrota en liga co adestrador de Caranza no posto. Un mal partido que tivo o seu primeiro pau nos primeiros compases coa lesión de Álvaro Casas. No segundo tempo, a baixa de David Soto deixou máis tocada á defensa. E o gol para os asturianos, a falta de dez minutos, acabou cun Compos que quere recuperar sensacións na casa.
Máis sorte tivo o cadro cántabro no Fernando Astobiza contra o Covadonga. Un enfrontamento na zona baixa da clasificación no que se adiantaron os asturianos. O empate non tardaría moito en chegar, cun gol de Cañizo. Si se faría de rogar o segundo, superado o minuto oitenta, repetindo Cañizo. Dani Salas completaría a vitoria no final do xogo.
Un mar de dúbidas.
A derrota da pasada fin de semana sae máis cara do que foi o resultado. E é que David Soto estará de baixa as vindeiras semanas puidendo non volver ata final do ano, quedando pendente a data de volta á recuperación, comezando xa coa mesma. Con el, seguirán de baixa Riki Mangana e Fran López.
Por outra parte, hai que contar con varias dúbidas. Álvaro Casas, Manu Barreiro, Pablo Antas, Samu Araújo son dúbida ata o adestramento de mañá, que se saberá se poden estar dispoñibles.
Pechamos a xornada.
Como xa pasou ante Arandina e Ourense, o Compos volverá pechar a xornada no Verónica Boquete de San Lázaro. Para o inicio do partido, que arrincará ás 19 horas o domingo, xa se coñecerá a maior parte dos resultados rivais, quedando só en xogo a cita entre Zamora e Avilés. As entradas, xa dispoñibles na web, teñen un prezo de 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da segunda canle da TVG así como na web e seguirse nas contas de Twitter, ou X agora, da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario