Despois da derrota, con sabor a vitoria, contra o Tenerife, o Compos volve á competición doméstica para buscar acadar a terceira vitoria consecutiva nun campo sempre difícil como o Nuevo Ganzábal onde, ademais, chegou a última vitoria branquiazul en Asturias ata o momento. Un equipo invicto fóra da casa e que se medirá a un Langreo que só deixou escapar un punto da súa casa.
Moi fortes na casa.
O Langreo pechou o primeiro cuarto de campionato como un dos mellores locais do grupo, sumando dez dos seus trece puntos na casa. Oitavos na táboa, con só un punto máis ca os nosos, sumaron tres vitorias no que vai de curso, catro empates e dúas derrotas. Trece goles anotados e quince encaixados que, malia os seus números, os sitúan como unha das defensas que máis goles recibe.
Na casa, como xa dixemos antes, non perderon ningún partido. Gañaron tres e empataron un nun campo onde non perden dende marzo despois de recibir, neste curso, a Coruxo, Oviedo Vetusta, Rayo Cantabria e Arandina sendo o filial ovetense o único capaz de saír vivo cun empate sen goles. Os vigueses, ademais, son os únicos que caeron pola mínima despois de igualar dous goles de diferenza no segundo tempo.
Resaca da Copa.
O Compos chega a esta cita despois dunha excelente actuación na Copa do Rei, dominando ao Tenerife de Segunda división malia a derrota. Un partido que se definiu cun gol de Ángel nos primeiros minutos e no que Hugo Matos, destacado, a piques estivo de anotar o empate.
Pola súa parte, o Langreo non xogou a Copa, mais si se xogou no seu campo o Covadonga-Depor. Contra o propio equipo ovetense xogaron os langreanos a pasada fin de semana sumando un empate 'in-extremis'. O equipo local puido adiantarse xa no segundo tempo igualando o resultado os de Javier Vázquez no engadido.
Unha longa historia.
Compos e Langreo contan cunha historia tan longa que o cadro asturiano foi o segundo da comunidade en visitar Santiago, Santa Isabel neste caso. Esa primeira visita data de 1968 e uns meses despois chegaría a cita en terras asturianas acompañada da primeira dunha serie de derrotas nunha cidade que non se lle dou ben aos nosos ao longo dos anos.
A esa derrota acompañáronlle outras seis máis e tres empates nas dez citas xogadas ata 2022. A cousa cambiaría este mesmo ano, en febreiro, no Nuevo Ganzábal. O equipo de Fabiano sumaba unha segunda vitoria consecutiva en liga, primeira fronte aos langreanos, con dous goles de Mario Rodríguez e un terceiro obra de Jaime Santos.
Esa vitoria sería, ademais, a última asinada polos nosos en Asturias ata o momento encadeando dous empates este curso aos que engadir o conseguido en Abegondo e a vitoria en Torrelavega, mantendo ao equipo invicto a domicilio.
Volven os habituais.
Despois dun partido onde puideron ter minutos os menos habituais, coa titularidade de Borja Rey e as estreas de Landeira e Dani Varela, chega unha cita na que volveremos ver aos habituais. Entre eles podería estar Manu Barreiro, que non puido estar o mércores por problemas físicos. Non así Fran López, que seguirá fóra unha convocatoria máis e Pablo Antas, cunha escordadura de nocello sufrida contra o Tenerife.
Horario de sempre.
Esta xornada volvemos ao horario habitual, que non se repetirá na seguinte data na casa. O domingo ás 17 horas abrirá as súas portas o Nuevo Ganzábal para acoller un gran xogo con dúas xeiras importantes. Un campo no que haberá presenza de afeccionados santiagueses coas entradas xa dispoñibles, con prezo inferior que no propio día nas billeteiras.
Para quen non poida asistir, poderá verse en Football Club previo paso por caixa. Tamén seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario