ORGULLO

 O Compos non foi quen de superar a eliminatoria contra o Tenerife. Non obstante, a imaxe que deixaron os de Míchel Alonso foi para estar orgullosos dun equipo que saíu a competir, que non deixou de dar a cara malia o resultado e a actuación arbitral diante dun Segunda división e que, incluso, mereceu máis. Un partido que se decantou do lado insular grazas a un gol de Ángel nos primeiros minutos de encontro e, a partir de aí, recital dos homes de Míchel Alonso. 

 Sen case tempo para ocupar os asentos, ou en moitos casos en Preferencia sen conseguir acceder ao estadio, chegou a primeira ocasión para un Compos que tivo en Parapar un puñal. Non obstante, máis acerto tivo o Tenerife. Un centro dende a banda esquerda para Ángel e éste bate a Borja Rey cun testarazo pegado ao traveseiro superando a marca de Euse. 

 A partir do gol, o Tenerife meteuse atrás, a esperar e non cansarse. Aí apareceu un Compos que foi a máis co paso dos minutos, perdendo o medo ao rival e tendo unha inmensa actuación de Parapar e Hugo Matos nas bandas. Non obstante, as ocasións con gran perigo non puideron chegar á portería de Tomeu Nadal malia a gran imaxe dada polo equipo. 

 No segundo tempo, máis do mesmo. Superioridade do cadro local e un aviso no primeiro minuto co que tirar as liñas. Un disparo de Hugo Matos despois dunha xogada combinativa con Fer Beltrán que saca a defensa na liña e unha un rexeite que o do Saviñao tampouco é quen de meter. Avisaba o Compos e tería unha nova oportunidade minutos despois cun gran centro de Pep Caballé que mandou Pablo Antas fóra por pouco. 

 Co paso dos minutos e a entrada de pernas frescas, o perigo seguiu preto da portería tinerfeña, sen ningún problema para Borja Rey durante os segundos corenta e cinco minutos, pero sen moito máis que unha oportunidade de Jordan que se foi por riba do longueiro. Si houbo que lamentar un posible penalti no treito final, ademais dunha actuación arbitral pouco imparcial. 

 En resumo, partido do Compos para recordar cunha un equipo dúas categorías por riba, cun ambiente insuperable nas bancadas malia o temporal e mostra de que este equipo pode con calquera. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario