Despois de catorce anos, a Copa do Rei volve xogarse en Santiago. Un torneo no que os nosos participaron no pasado ata en vintesete ocasións, disputando ata cincuenta roldas na competición e na que a mellor participación chegou na tempada 1999/00 chegando a cuartos de final, caendo ante un Espanyol que acabaría campión. Ese mesmo ano, o rival en dezaseisavos sería un Tenerife que se volve cruzar no camiño dun Compos que suma máis de vinte anos sen superar a un equipo de categoría superior na competición do 'KO'.
Pelexando no alto.
O Tenerife está a facer unha gran tempada na Segunda división, malia non conseguir bos resultados nas últimas xornadas. O equipo dirixido por Asier Garitano ocupa arestora a sexta posición da táboa na Segunda división, agora coñecida como Liga Hypermotion, con vintetrés puntos, a só dous dos postos de ascenso directo á máxima categoría.
Ata o de agora, sumaron un total de sete vitorias, dous empates e catro derrotas nas doce datas que leva a categoría de prata. Trátase, por outro lado, do equipo con menos goles anotados da zona alta con catorce tantos a favor. Por outro lado, só Leganés e Oviedo encaixaron menos dos dez goles recibidos polo cadro tinerfeño.
Fortes no Heliodoro Rodríguez López, conseguiron sumar de tres en Huesca e Andorra nas súas dúas primeiras saídas. De Miranda de Ebro sacaron un empate logo de comezar perdendo. Por outra parte, non conseguiron puntuar en Eibar, Xixón nin Elche.
Nas súas filas, ata dous xogadores que xa saben o que é xogar no Vero Boquete de San Lázaro. Alex Corredera formou parte do Fabril que visitou Santiago na 16/17 entrando nos minutos finais. Anos antes, na 03/04, sería Aitor Sanz o que faría o propio na Segunda B co Sanse.
Cincuenta eliminatorias.
Dende 1969, primeira presenza branquiazul na Copa do Rei ou Copa do Generalísimo como era coñecida por aquel momento, o Compos foi superando ata cincuenta eliminatorias, chegando a cuartos como mellor participación.
Unha competición que nos deixou moitos derbis contra o Lugo e, como curiosidade, só dous empates globais que se decidiron de formas diferentes. Nesa primeira eliminatoria antes comentada, contra o Laredo, habería que xogar un partido de desempate que gañarían os nosos. Anos despois, no 1999, sería a penaltis como se definiría a eliminatoria fronte ao Villarreal, tamén con vitoria santiaguesa. Nesa mesma campaña, na rolda anterior, caería o Tenerife despois dun empate na cidade insular e un 2-0 en Santiago. Tamén chegaría a última eliminatoria superada contra un rival de superior categoría, o Numancia, grazas ao bo facer na casa.
Nos últimos anos, escasas participacións branquiazuis na Copa superando só ao Mensajero en algo máis de vinte anos, deixando atrás unha xeira de dezaoito anos sen gañar un partido na competición. Catorce son os anos que levamos esperando para que San Lázaro se vista de gala despois de recibir, en 2009, ao Zamora nunha eliminatoria que superaron os visitantes.
No mellor momento.
Esta eliminatoria non pode chegar en mellor momento para o Compos. Logo da chegada de Míchel Alonso, os resultados e o xogo melloraron notablemente encadeando dúas vitorias con ata oito goles a favor. Uns números que non coñecía o conxunto santiagués dende comezos do presente ano, aínda con Fabiano, antes de meterse nunha dinámica que a piques estivo de estragar o obxectivo.
Superado o Valladolid Promesas co mellor partido en anos. Manu Barreiro sumou o seu segundo dobrete do curso, Juampa asinou gol e asistencia e Parapar inaugurou a súa conta aproveitando a súa chegada. En defensa, Euse Monzó gañouse ser titular cunha actuación perfecta.
Pola súa parte, o Tenerife non foi quen de sacar algo positivo do Martínez Valero. Mellot adiantou aos insulares pero non tardou en chegar o empate, nas botas de Óscar Plano. Nico Castro, no ecuador do segundo tempo, asinou o triunfo para os locais dende os once metros.
Mellor en Santa Isabel.
A historia entre Compos e Tenerife deixounos ata vintedous enfrontamentos que non remataron da mellor maneira para os nosos, cunha diferenza de goles de case vinte a prol dos tinerfeños despois de só ser quen de facer seis goles no Heliodoro Rodríguez López. E isto pasou malia gañar, a Esedé, sete partidos contra nove dos rivais. Seis acabaron en empate.
En Santiago, eses números son algo mellores comezando cun triunfo en Santa Isabel por tres goles de vantaxe en 1981. Meses despois, a vitoria sería pola mínima mais deixando a porta, de novo, a cero. Tampouco se encaixaría en 1982 repetindo os tres goles de diferenza da primeira ocasión.
Cambiamos de década, pasamos da Segunda B á Primeira división e de Santa Isabel a San Lázaro. En 1995 volverían quedar sen marcar nun 2-0 para o Compos. Ao ano seguinte conseguirían o seu primeiro triunfo na capital galega dando a volta ao marcador anterior encadeándoo cun empate a un gol na seguinte campaña e unha vitoria pola mínima no 98.
Xa fóra da categoría máis alta, catro partidos para pechar o século XX nunha mesma tempada gañando o Compos en Santiago tanto o de Copa coma o de Liga, deixando a porta a cero no torneo de eliminatorias. Non obstante, volvería puntuar o Tenerife no 2000, con dous goles a cero, e dous anos despois sacaría un punto na inauguración da última campaña dos nosos na Segunda división.
Problemas en punta.
Como xa anunciou Míchel en rolda de prensa, Manu Barreiro e Fran López serán baixa por problemas físicos. Unha posición, a de '9', que se pode cubrir con Hugo Matos, Jaime Santos ou Parapar. Por outra parte, podería volver Pablo Antas despois do seu partido de sanción e haberá participación da base.
Espérase un gran ambiente.
Coas entradas xa dispoñibles dende hai días na web, San Lázaro apunta a ter o mellor ambiente da tempada con presenza, ademais, de afeccionados visitantes. Ditas entradas teñen un prezo para abonados de 10 euros a xeral, 5 euros para menores de 30 anos con carné xoven e de balde para menores de 16. Para non abonados, mantéñense os 15 euros para a entrada xeral, 10 euros co carné xoven e 1 euro para menores de 16 anos.
Para quen non poida ir, poderá verse na TVG2 en Galiza e tamén na televisión canaria. Ademais poderá seguirse nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario