Seguimos sen gol

 Un partido máis e un punto para o casilleiro. Sen ideas, o Compos foi quen de sacar un punto da súa visita a Abegondo nun partido onde os de Manel foron mellores agás nos metros finais. Partido con poucas ocasións de perigo, onde os locais tiveron que aproveitar algún erro mentres que os santiagueses buscaron, sen acerto, centros laterais. A mellor nova, a estrea este curso de Roi Rama co primeiro equipo deixando bos minutos.

 No primeiro tempo, o Compos deixou bos minutos. Buscando o campo contrario, sen cometer erros en defensa, e gozando da primeira oportunidade perigosa nas botas de Hugo Matos, que se topou co gardameta fabrilista. Sería o extremo o protagonista principal dos primeiros corenta e cinco minutos tendo unha gran loita con Lache na banda e sufrindo un posible penalti que acabaría, despois, en falta en ataque de Pablo Antas. Xogada dubidosa canto menos. 

 O ritmo foi baixando co paso dos minutos e a arbitraxe non axudou tampouco ao espectáculo con accións polémicas e amosando cartóns amarelos a xogadores do Compos á mínima. A maiores, no treito final do primeiro tempo, Pablo Antas tivo unha ocasión para inaugurar o marcador mandando o balón fóra por pouco. 

 Na segunda metade, máis do mesmo. 

 Logo do paso por vestiarios, o Compos seguiu sendo mellor, aínda que sendo isto insuficiente. Por parte do Fabril, só un disparo nos primeiros intres aproveitando unha mala cesión a Pato e mandando o balón ao pau. O mesmo puideron facer os de Manel, aproveitando erros nos pases. 

 Manu Barreiro, Pep Caballé e incluso Roi Rama nos minutos finais puideron ter o gol da vitoria mais por puntería e o traballo da defensa non foron quen de mandar o balón ao fondo das redes. 

 Finalmente, o equipo volve puntuar despois de dúas derrotas consecutivas pero segue sen goles despois de máis de trescentos minutos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario