Novo adestrador, vitoria segura?

 O mal arrinque de curso do Compos xa se cobrou as súas primeiras vítimas. Non foi unha, nin dúas, senón catro entre corpo técnico e dirección deportiva. Con isto e, despois de días de negociacións, chegou ao clube Míchel Alonso, adestrador experimentado e máis que coñecido no noso fútbol. O adestrador de Caranza terá este domingo a súa estrea nun campo difícil como é El Malecón buscando asinar a segunda vitoria da tempada, primeira a domicilio dende febreiro. 

 Preto dos postos altos. 

 A Gimnástica está a facer un bo arrinque de tempada, sobre todo a domicilio. Un equipo que non está a ser quen de facer un fortín da súa casa pero que o compensa co traballo fóra de Torrelavega. Con isto, o equipo cántabro ocupa a sétima posición da táboa a só un punto do cuarto e a tres do segundo. Once puntos sumados en sete xornadas para un equipo que tivo dúas competicións nas primeiras semanas de curso coa Copa Federación. 

 Tres triunfos suman a día de hoxe, todos eles a domicilio, e dous empates, só un na casa. A maiores, outras dúas derrotas diante da súa xente para un equipo que anotou oito goles e encaixou nove. Uns números que, ao igual que os anteriores, melloran a domicilio. En El Malecón só fixeron dous goles mentres que recibiron un total de seis converténdose no peor local da categoría. 

 Dúas xeiras que pechar. 

 Tanto Compos como Gimnástica non están a pasar polo seu mellor arrinque de tempada. Os nosos, que só conseguiron gañar un partido ás ordes de Manel, A maiores, van case oito meses dende a vitoria en Guijuelo, última a domicilio, con goles de Fer Beltrán, por partida dobre, e Darío. A partir de aí, cinco empates, tres deles neste curso, e tres derrotas. 

 Pola súa parte, a Gimnástica de Torrelavega leva sen gañar na súa casa, en liga, dende o final do pasado curso. Dende que conseguiron gañar ao filial do Lugo en maio, cinco meses e medio nos que xogaron tres partidos, empataron dous e perderon un. Si hai que falar de triunfo na visita do Ourense a Torrelavega en Copa Federación. Os cántabros conseguiron o pase á seguinte rolda, na que perderon co Logroñés. 

 Historia igualada. 

 Compos e Gimnástica veranse as caras por sexto curso na historia. Unha historia que nos deixou partidos tanto en Liga coma en Copa Federación e moita igualdade. Tal é así que os dous equipos sumaron tres triunfos, todos na súa propia casa, e c seis empates, dous por cidade. 

 En Torrelavega, o Compos nunca foi quen de gañar. Seis visitas e só dous goles a favor contra os oito recibidos a prol dos cántabros. Tres empates e outras tantas derrotas nun campo sempre moi difícil. 

 Dous goles en contra. 

 A pasada fin de semana, a xornada nos deixou a primeira derrota do Zamora a mans do Pontevedra e a derrota do Compos que levaba á destitución de Manel. Isto pasaría no Vero Boquete, contra un Racing Villalbés que está a facer unha gran tempada. Sen ideas, os santiagueses chegarían ao tempo de lecer sen ver porta, algo que xa supera os catrocentos minutos, e no segundo tempo cumpriríase a lei do ex cun gol dende lonxe de Santi Gegunde. Cos locais metidos no ataque chegaría, vinte minutos despois, o segundo e definitivo ante o que non se conseguirían repoñer. 

 Máis emoción habería en Oviedo. Sen goles, tampouco, no primeiro tempo, habería ata catro nos vinte últimos minutos. Adiantouse o Covadonga pero, en cuestión de dous minutos, foi quen de darlle a volta ao resultado a Gimnástica. Unha ledicia cántabra que tampouco durou máis de tres minutos co empate definitivo do Covadonga. 

 Adestrador novo, vitoria segura? 

 Nos últimos anos, o Compos cambiou de adestrador durante a tempada en varias ocasións, non obstante, só en oito ocasións houbo esa estrea con triunfo no último cuarto de século. 

 Comezamos a serie con Alberto Mariano. Pasou do xuvenil ao primeiro equipo despois do despido de Iñaki Alonso e puido estrearse cunha vitoria contra o Celta B en San Lázaro. Fredi Álvarez, agora adestrador do Gran Peña, chegou logo do despido de Anxo Casalderrey e o seu primeiro encontro rematou con vitoria en Negreira por tres goles. E poñemos punto e final a esta serie no presente século coa chegada de William Amaral en 2010, nunha Preferente que se levou por diante a tres adestradores branquiazuis. No seu caso, superou ao Flavia pola mínima a domicilio. 

 O final dos noventa deixounos dúas tempadas complicadas no fútbol profesional e un nome propio que se repite en dúas ocasións. Pichi Lucas pasou ata en tres etapas polo banco da Esedé sendo a primeira no 98, substituíndo a Maceda e superando ao Eibar en Ipurúa na estrea para deixar o posto dúas semanas despois. Logo da súa saída volveu Gabi Leis, que pasou uns meses antes polo clube, para arrincar cunha vitoria contra o Mallorca B. Non obstante, non remataría a tempada tampouco facéndoo Goikoetxea, o cal se estreou en San Lázaro con vitoria fronte ao Albacete. E un ano despois volvería ser protagonista desta serie Pichi Lucas tomando o posto de David Vidal superando ao Extremadura na súa primeira cita sendo a única vitoria nos seus cinco partidos no posto ese curso, volvendo por terceira vez en 2003. 

 Míchel ten a case todos. 

 Para a súa estrea, Míchel Alonso poderá contar con case todo o equipo coa única ausencia de Riki Mangana, aínda coa súa recuperación. Ademais, por segunda vez, podería ter minutos Fran López logo de debutar a pasada fin de semana. 

 Por outra parte, aínda que non hai sancionados, hai que falar do primeiro apercibido. Pablo Antas conta con catro cartóns amarelos e, de ver un en Torrelavega, non podería estar contra o filial do Valladolid a vindeira fin de semana. 

 Sen tele nin radio. 

 Unha nova saída, primeira a Cantabria neste curso, e a intención de rachar esa serie de tres empates nas tres saídas que suma o equipo branquiazul este curso. Para iso, haberá que visitar El Malecón o domingo ás 17 horas buscando acabar con esa xeira de 443 minutos sen ver portería e cinco partidos sen sumar de tres. 

 Para esta cita, non haberá televisión nin tampouco posibilidade de velo por algunha plataforma dixital. Semella que tampouco haberá unha radio que retransmita o xogo polo que haberá que intentar informarse a través das contas dos clubes en Twitter. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario