Un derbi con historia

 O Compos volve saír de Santiago pero, neste caso, para un derbi preto da casa. Abegondo acollerá este sábado un derbi, segundo consecutivo para os nosos, e que se presenta con gran importancia despois das dúas últimas derrotas. Diante, un Fabril que non comezou ben pero que agora encadea sete puntos consecutivos. 

 Mellor ca os maiores.

 Os rapaces do Fabril, con Óscar Gilsanz aos mandos, asinaron un comezo de curso un tanto irregular con dous empates e unha derrota, con remontada incluída por parte do Rayo Cantabria. A partir de aí, dous triunfos nas dúas últimas citas contando cun partido contra a Arandina na casa con ata cinco goles e dúas remontadas. 

 En total, os fabrilistas suman oito puntos de quince posibles, tres máis ca o Compos, e ocupan a oitava posición da táboa. Trátase do terceiro equipo con máis goles anotados, só superados por Rayo Cantabria e Pontevedra, despois de anotar dez goles. Por outra parte, tamén se trata dun equipo que encaixou moitos goles, un total de oito, sendo un dos equipos que máis recibiu. 

 Na casa, diante da súa xente, terán a súa terceira proba esta fin de semana. Antes, a derrota antes nomeada contra o Rayo Cantabria. na que se adiantaron e acabaron encaixando tres, e unha vitoria contra a Arandina onde se puido repetir o guión co equipo visitante remontando un gol local. Non obstante, nos dez últimos minutos chegaría a remontada coruñesa para sumar de tres. A primeira vitoria do curso.

 Unha longa historia. 

 Compos e Fabril xa son vellos coñecidos. Tanto que se viron as caras en máis de trinta ocasións. Trinta e catro citas, para ser exactos, sendo o cuarto rival contra o que máis se xogou. Tamén se trata do cuarto equipo que máis goles marcou á Esedé e un dos que máis recibiu polos nosos. Imos cun pouco de historia. 

 Nesas trinta e catro citas, o Compos foi quen de gañar nun total de vinte, comezando hai xa sesenta anos. En só cinco oportunidades houbo reparto de puntos mentres que nas nove restantes foron todos os puntos cara A Coruña. Con tantos enfrontamentos, trátase dun dos emparellamentos con máis goles na historia dos nosos, con cincuenta a prol dos santiagueses e trinta e sete para os coruñeses, sendo un dos equipos que máis perforaron a porta compostelanista. 

 Na Coruña, ou Abegondo agora, todo se iguala máis. Cada equipo se levou o triunfo en sete ocasións mentres que se repartirían os puntos nas tres restantes. Unha igualdade que pode racharse mañá mesmo. E neste caso, en canto a goles, non podemos falar de algo tan positivo a prol dos nosos, que só puideron facer dezaoito goles ante os vintenove dos locais. 

 Na última visita oficial, con Yago Iglesias nos mandos, o partido pechouse cun deses empates. Un encontro con polémica arbitral no que Mario Losada adiantou aos de Luisito no primeiro tempo. Bicho, que volvía á súa casa, fixo efectiva a lei do ex empatando xa no segundo. E os minutos finais converteríanse nunha loucura con Iago Parga devolvendo, momentaneamente, a vitoria aos locais mentres que Primo, só dous minutos despois, asinou o empate definitivo. 

 Neste verán tamén houbo un enfrontamento amigable co que se pechaba a pretempada e que rematou sen goles. 

 Camiños contrarios. 

 Nas dúas últimas xornadas, o Fabril foi quen de dar a volta á mala situación do arrinque do campionato con dúas vitorias. Á xa antes comentada contra a Arandina hai que engadir o bo facer no Álvarez Rabanal de Oviedo contra o Covadonga. Kevin Sánchez, Diego Gómez e Rubén López foron os encargados de asinar a primeira goleada dos de Gilsanz mantendo, ademais, a porta a cero por primeira vez. 

 Pola súa parte, o Compos non foi quen de superar a caída contra o Zamora. Un equipo que conta con moitas baixas, as cales seguen aumentando, e que non é quen de facer o seu mellor xogo. Aínda con isto, no segundo tempo houbo oportunidades para que Manu Barreiro anotara o seu terceiro gol diante dun Marqueta estelar. Amín, no primeiro tempo, fixo o único gol que se sucedería de numerosas perdas de tempo. 

 Non hai maneira... 

 Unha semana máis hai que falar de baixas. Euse, Juampa e Riki, que recaeu da lesión, non estarán dispoñibles para esta cita por lesión. Tampouco Jordan, que terá que cumprir un partido de sanción. Por contra, si podería entrar na convocatoria por primeira vez Fran López sendo a parte positiva da semana. 

 Entradas online. 

 Falamos dunha cita importante e para a que houbo que esperar ata hoxe para saber se habería entradas dispoñibles para a afección santiaguesa. Unhas entradas que, a diferenza de moitos outros campos, teñen un prezo de 10 euros. Non obstante, o número dispoñible depende das invitacións antes retiradas polos socios locais. O encontro do sábado, recordamos, comezará ás 17 horas. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da segunda canle da TVG así como na web e seguirse nas contas de Twitter, ou X agora, da Curva Branquiazul e do clube. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario