Despois do gran triunfo conseguido en Torrelavega, Míchel Alonso ten este domingo a súa estrea en Santiago. O adestrador ferrolán, que xa sumou de tres na súa primeira saída, terá na súa man a oportunidade de encadear dúas vitorias seguidas por primeira vez en máis de medio ano. Diante, un Valladolid Promesas que, da man de Baptista, levan un camiño semellante aos santiagueses.
De menos a máis.
O Valladolid Promesas non puido comezar ben a tempada, cun mes e medio no que só foron quen de sacar un triunfo e un empate de seis citas. Non obstante, nas dúas últimas xornadas conseguiron darlle a volta ao mal comezo enlazando dúas vitorias consecutivas que os afastan dos postos de perigo, superando agora ao Compos por un punto de diferenza.
Con dez puntos no peto, os pucelanos suman tres vitorias e un empate sendo un rival forte, sobre todo, a domicilio. Equipo con moito gol, que anotou un total de dez tantos nestas primeiras oito xornadas, pero con claros problemas defensivos que se traducen en catorce goles en contra, situándose como o segundo equipo que máis encaixa só superado polo Covadonga.
Un equipo que diante da súa afección non foi quen aínda de arrincar, sumando só catro puntos. Máis acerto tiveron a domicilio, malia encaixar máis goles, sumando seis puntos lonxe de Valladolid. Oviedo e Aranda de Duero xa saben o que é ver marchar os tres puntos contra un equipo que na súa visita a Vigo marcou e marchou sen nada.
Unha curta e igualada historia.
Compos e Valladolid Promesas non teñen detrás unha gran serie de enfrontamentos, concentrándose todos nos últimos dez anos, pero si igualada nos seis precedentes que acompañan ao partido deste domingo.
Por cuarta tempada, branquiazuis e branquivioletas miden forzas. Nas anteriores, tres vitorias para o Compos, un empate e dous triunfos a prol do filial do Valladolid. Dezasete goles se puideron ver, con nove para os nosos e oito para os rivais. Un emparellamento que, en Santiago, nos deixou dúas vitorias para a Esedé e unha para o filial castelán.
A pasada tempada, a visita do Valladolid Promesas significou o sexto triunfo consecutivo para o equipo adestrado por Fabiano. Jordan e Mario Rodríguez anotaron os goles dunha vitoria máis que importante que permitía ao Compos soñar co primeiro posto logo do empate do Arenteiro.
Goles para sumar de tres.
Os dous equipos que este domingo se medirán en San Lázaro deixaron atrás unha xornada na que puideron sumar de tres. Catro goles fixeron falta aos de Míchel Alonso mentres que os de Baptista anotaron tres tendo nun gran segundo tempo.
En Torrelavega, Gimnástica e Compos deixaron un gran partido con ata sete goles. Lavsamba adiantou aos cántabros nos primeiros intres dun partido que pronto se decantou polo lado visitante cos goles de Euse e Manu Barreiro. Javi Delgado puxo o empate de novo no luminoso e, antes do tempo de lecer, apareceu Juampa para deixar unha xenialidade e devolver o triunfo aos galegos. O extremo tamén anotou o cuarto que parecía definitivo antes da hora de partido a pase de Parapar, despois dunha gran xogada individual do coruñés. Nos minutos finais, Javi Delgado volvería marcar para o cadro cántabro rematando 3-4.
No Anexo de Zorrilla, Pozo pechou o primeiro tempo cun gol que adiantaba ao filial pucelano. Unha ledicia para os de Baptista que non durou demasiado, co Covadonga empatando á saída dos vestiarios. A vantaxe local volveu escasos minutos despois cun gol de Paredes e Dani Fernández, no treito final, asegurou o triunfo local.
Problemas na zona de creación.
Con todos dispoñibles en ataque, os problemas para Míchel Alonso chegan esta xornada na zona de creación. Pablo Antas, que xogou case todos os minutos dende a visita do Arenteiro a San Lázaro o curso pasado, terá que parar esta fin de semana por sanción despois de ver o quinto cartón a pasada fin de semana. Noutra orde de cousas, Riki Mangana seguirá sendo baixa unha semana máis.
Máis de oito meses.
Dende febreiro, hai oito meses e medio, o Compos non encadea dúas vitorias consecutivas en liga. Unha misión para o equipo de Míchel Alonso que terá que convencer a unha afección que xa se prepara para o partido de Copa do mércores. Para esta cita, coas entradas xa dispoñibles, haberá unha invitación de agasallo para todos os participantes da Carreira Pedestre que se celebra o propio domingo pola mañá, comezando o partido ás 16:45. Para quen non sexa abonado nin corredor, as entradas teñen un prezo de 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da segunda canle da TVG así como na web e seguirse nas contas de Twitter, ou X agora, da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario