Abonados ao catro

 Despois da vitoria en Torrelavega, onde o Compos foi quen de anotar catro goles, o equipo de Míchel Alonso volve repetir o mesmo número de goles a favor na visita do Valladolid Promesas ao Vero Boquete e coa presenza dos xogadores do Tenerife, rival do mércores, na bancada. Un gran partido de todo o equipo que encadea un segundo triunfo moi importante para achegarse aos postos altos. 

 O partido comezou xa cun ritmo alto do equipo de Míchel. Contra un rival que viña en boa dinámica, as ocasións non tardaron en facerse ver. Juampa, que está a un nivel sobresaínte, quedou so diante do porteiro petando o balón nas pernas do mesmo, probando cun disparo en posición escorada. Un primeiro aviso que se sucedeu de varios intentos máis polas bandas fronte a un Valladolid que foi de menos a máis. 

 Perigosos con balón e moi fortes na presión sen el. Un Compos que se viu moi diferente ao das primeiras xornadas do campionato, moi superior, obtivo o premio máis que merecido cun gran centro de Soto ao segundo pau e testarazo de Manu Barreiro para abrir a lata. Un gol que en menos de cinco minutos foi acompañado dun segundo cun centro de Jaime Santos e disparo de Juampa salvando a saída do porteiro. Gran gol dun xogador que está a deixar un nivel inmellorable. 

 Co segundo no marcador, o equipo pasou a relaxarse deixando o balón a un filial pucelano que non desaproveitou a oportunidade antes do tempo de lecer cun disparo dende a área que evita á defensa e entra sen opcións para Pato. 

 No segundo tempo, o Compos subiu un nivel máis. Un muro en defensa, con Euse demostrando un nivel altísimo; cun centro do campo liderado por Jordan e unha dianteira imparable. Só habería que esperar ao terceiro que daba tranquilidade a un gran partido dos santiagueses. Éste chegou nas botas de Parapar, acompañante de Manu Barreiro en punta, aproveitando a súa velocidade para superar á defensa logo dun gran pase de Juampa e desfacerse do porteiro antes de marcar a porta baleira. 

 Partido sentenzado, cun equipo claramente superior pero que aínda tería a guinda cun córner que bota Jordan e que non perdoa Manu Barreiro no corazón da área cun gran testarazo. 

 A partir de aí, baixo unha intensa chuvia, o equipo gardou forzas e ocasións para o partidazo que nos espera este mércores contra o Tenerife na volta da Copa do Rei a Santiago catorce anos despois. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario