E van tres...

 Unha semana máis e o Compos non é quen de gañar. Nin sequera de puntuar. Un partido moi malo dos de Manel Menéndez, que segue perdendo crédito, contra un Ourense que anotou un gol e deixou o fútbol buscando numerosas perdas de tempo. Nos últimos minutos, sería Raúl Marqueta o encargado de manter o resultado favorable para os seus. 

 O derbi comezou cunha malísima nova que acabaría afectando ao desenlace do mesmo. Antes dos dez minutos, a primeira mala nova. Riki Mangana tivo que retirarse substituído por lesión e podería estar as vindeiras semanas de baixa. A partir de aí, todo foi costa abaixo. 

 As cousas non saían. Co balón, era imposible pasar dos tres cuartos do campo contra un equipo que pouco precisou para, antes da media hora, adiantarse no marcador. Un gol de Amín, que xa suma cinco no que vai de tempada, que seviría para pechar un partido con máis de sesenta minutos por diante. Faríano a base de numerosas perdas de tempo co permiso do colexiado. 

 No segundo tempo, o balón foi única e exclusivamente para un Compos que non soubo que facer con el. Imposible superar o muro defensivo rosa. Sería con Hugo Matos, que tivo algo máis de media hora, cando chegarían as mellores ocasións creadas pola banda do xogador do Sigüeiro. Nese momento aparecería, despois de setenta minutos, Marqueta para evitar o gol branquiazul. 

 Manu Barreiro ata en tres ocasións se topou co porteiro aragonés nun final de liga onde Pato demostrou o seu bo facer cos pés desfacéndose de dous contrarios no centro do campo e no que Jordan viu o segundo cartón amarelo estando xa no banco, por protestar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario