Gañar, gañar ou gañar

 Quinta xornada do campionato e a vitoria xa é obrigatoria para non perder máis vantaxe con respecto aos postos altos. Un Compos que suma dúas xornadas sen gañar, recibe este domingo ao Ourense Clube de Fútbol na segunda cita consecutiva no Vero Boquete. Un partido entre dous equipos con comezos de competición semellante a domicilio pero unha clara diferenza como locais que deixa aos nosos fóra dos postos altos. 

 Gran arrinque. 

 O Ourense non puido comezar mellor a liga. Un equipo que se mantén invicto despois do primeiro mes de campionato grazas ao seu bo facer en defensa. De feito, só encaixaron dous goles nas primeiras catro citas puidendo ocupar así os postos altos da clasificación manténdose como un dos catro equipos aínda invictos. 

 Dous empates e dúas derrotas suma o equipo dirixido por Rubén Domínguez neste comezo de tempada. Os triunfos, os dous en Oira contra Marino de Luanco pola mínima e Covadonga tendo que remontar. A domicilio, sacaron un empate a un gol de Santander e sen goles marcharon de Aranda de Duero. Cinco goles a favor e só dous en contra para un conxunto que ten en Amín unha das pezas máis destacadas deste comezo de curso con catro goles anotados. 

 Historia recente. 

 Compos e Ourense Clube de Fútbol enfrontáronse, en Santiago, en tres ocasións. Tres enfrontamentos que comezaron en Terceira con Yago Iglesias e Fran Justo como adestradores, dous dos mellor considerados no noso fútbol nos últimos anos, en 2018. Unha cita que rematou con vitoria e goleada branquiazul. Un ano despois, serían os ourensáns os que levarían os tres puntos case devolvendo o mesmo resultado, mais cun gol branquiazul que non serviría para puntuar. E o pasado curso, xa fóra da Terceira e con diferentes protagonistas, volverían verse as caras para asinar o Compos o triunfo grazas a dous goles de Mario Rodríguez. 

 E se falamos da historia entre estes dous, hai que lembrar o partido en Balaídos que levou aos santiagueses á Segunda B. Adri Castro adiantou aos de Fran Justo. Pablo Antas sumou, dende os once metros, o gol que servía para acadar o obxectivo tan buscado e merecido. 

 Camiños diferentes. 

 Ata a pasada fin de semana, Compos e Ourense ían da man na clasificación con cinco de nove puntos posibles. Non obstante, os de Manel non foron quen de cumprir ante o líder nun partido non exento de polémica. Unha derrota, a primeira do curso, fronte a un Zamora que soubo aproveitar a primeira ocasión coa que gozou. Antes, gol anulado a Álvaro Casas por man e un posible penalti non sinalado por man na área zamorana. 

 Mellor sorte tivo o Ourense na visita do Covadonga a Oira, campo do que vai ser difícil que saian puntos esta tempada. Alberto Gil inaugurou o marcador. Ariel igualou o resultado superada a media hora de xogo tardando menos de cinco minutos Amín en devolver a vantaxe. O propio Amín anotaría o terceiro e definitivo no engadido. 

 Ata tres ex. 

 Nos últimos anos sucedéronse as chegadas dun equipo ao outro, habendo un bo número de xogadores que pasaron primeiro polo Compos e despois polas filas do Ourense Clube de Fútbol. A día de hoxe, só tres volverán á que foi a súa casa, sen haber ningún nas filas do cadro branquiazul con pasado no rival. 

 Raúl Marqueta chegou ao Compos en 2014. Dous anos despois abandonou o equipo con poucos partidos xogados na Segunda B. Pasou por varios equipos ata volver a Galiza defendendo a porta do Arzúa, con tan bo traballo que o levou ao Couto, onde é un fixo dende 2021. 

 No mesmo tempo que Marqueta, pasou pola Esedé Daniel Portela, deixando tamén o equipo co descenso á Terceira división. O central chegou a Ourense en 2019 e un ano despois asinou polo Arenteiro para asinar un ascenso histórico. A tempada pasada volveu ao Ourense Clube de Fútbol gozando de menos oportunidades por problemas físicos. 

 E acabamos con Gabri Palmás. O dianteiro moañés ascendeu co Compos á Segunda B e asinou a permanencia. No seu caso, deixou a Esedé e asinou directamente polo cadro ourensán para ser unha peza importante no ascenso á Segunda Federación. Este ano, suplente pero igualmente habitual en todos os partidos. 

 Seguen os problemas. 

 Os problemas coas lesións non desaparecen e as baixas de Fran López e Euse seguen unha semana máis. Riki Mangana, que xa adestra co grupo, é dúbida ata última hora ao igual que Juampa, que saíu con molestias do partido fronte ao Zamora. Estes dous terán que esperar ao último adestramento para saber se poderán estar dispoñibles o domingo. 

 Hai que sumar a baixa de Pep Caballé logo da expulsión do domingo por dobre amoestación. O extremo catalán estará unha semana fóra do terreo de xogo volvendo para o derbi en Abegondo. 

 O primeiro derbi pecha a xornada. 

 Ao igual que pasou contra a Arandina, o Vero Boquete pecha a xornada. O primeiro derbi para os nosos, que xogarán tres seguidos, dará comezo ás 19 horas. Para o mesmo, as entradas xa están dispoñibles 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada. 

  Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da segunda canle da TVG así como na web e seguirse nas contas de Twitter, ou X agora, da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario