O Compos sumou a súa primeira derrota contra o Zamora nun partido difícil no que os de Manel Menéndez non puideron amosar o seu mellor xogo. Aínda así, os santiagueses tiveron ocasións suficientes para sacar, polo menos, un empate co colexiado anulando un gol nun segundo tempo onde foron superiores, chegando nese momento o tanto visitante e, posteriormente, a expulsión de Pep Caballé coa que se remataba cun efectivo menos.
Aos problemas que xa ten o equipo por mor das lesións houbo que sumarlle un xogo insuficiente para enfrontarse a un Zamora que non se amosou superior e que non incomodou a portería de Pato máis alá ca no gol. Aínda así, serían os castelán-leoneses os que gañarían os enfrontamentos no centro do campo evitando que chegasen balóns aos dianteiros.
Con isto, só Juampa sería quen de incomodar ao porteiro rival antes do tempo de lecer cun disparo logo de recoller un balón na frontal. Un disparo que petaba no ferro convertíndose na mellor oportunidade en practicamente unha hora de xogo.
No segundo tempo, máis do mesmo. O Compos, que mellorou a imaxen, non foi quen de poñer en apuros a un Zamora máis alá dun disparo que rexeitou o porteiro e petou na man de Álvaro Casas antes de entrar na portería. Gol anulado pola primeira man na área contraria... e a segunda non se pitaría. De feito, ésta chegaría na seguinte ocasión perigosa, minutos despois, cun intento de centro de Parapar que frea coa man un defensa. Unha man que, malia cortar a traxectoria do balón, non pita o colexiado entendéndoa por involuntaria.
Aí empezarían as desgrazas para a Esedé. Na primeira chegada do Zamora, pola banda dereita do seu ataque superando a Hugo Matos, o dianteiro desfaise de Samu Araújo e supera a Pato cun disparo dende a propia liña de fondo. O balón toca no pau e chega para empurrala Víctor López na mesma liña de gol.
Co resultado en contra, nada sairía ben. Nos seguintes minutos, o Zamora tería o segundo cun balón que petou no longueiro e Pep Caballé vería o segundo cartón amarelo por unha falta nas inmediacións da área. O balón pasaría a xogarse en campo local e non volvería haber unha oportunidade para sumar un punto máis.
Finalmente, primeira derrota do equipo santiagués contra un Zamora máis líder e que sumou de tres sabendo aproveitar a que foi case a súa única chegada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario