Despois do empate en Asturias contra o Covadonga, chega ao Vero Boquete a primeira proba seria para os de Manel Menéndez. O Zamora, líder invicto e imbatido, buscará sacarlle algún punto ao Compos na súa casa case medio ano despois. Unha cita importante coa que os dous equipos terán que demostrar todo o seu potencial.
Ninguén puido con eles.
Primeiras semanas do campionato e o Zamora, un dos favoritos para estar na parte alta da clasificación, non deixa opcións aos rivais. Líder en solitario con nove puntos, único equipo que sumou de tres cada partido e, ademais, son tamén os únicos que aínda non encaixaron ningún gol no que vai de campionato.
Un equipo que non pode fuxir dos problemas extradeportivos, que refixo o equipo coa volta de David Movilla, pero que traballa para volver a esta Primeira Federación na que estiveron na primeira tempada da historia da competición. Para isto, resultados xustos na casa, ambos os dous pola mínima, e unha vitoria a domicilio contra un Covadonga que sumaba a súa segunda cita sen puntuar... ata atoparse co Compos.
Moita historia.
Compos e Zamora son xa vellos coñecidos, dende que se viron as caras por primeira vez alá por 1972 en terras castelán-leonesas e hai cincuenta anos en Santiago cun triunfo branquiazul. En liga, entre Terceira e Segunda B, a bagaxe é de seis vitorias branquiazuis, tres empates e tres vitorias visitantes nun enfrontamento con moitos goles, facendo os santiagueses unha media de dous goles contra eles por xogo.
Nos últimos anos, dous enfrontamentos duros e Yago Iglesias como protagonista. Primeiro, cun empate na Segunda B que se repetiría, con goles, na segunda volta deixando ao Zamora líder, algo que non volveu pasar ata este mesmo curso. E o ano pasado, co de Ribeira de visitante, empate a un gol con tantos de Alex Ares e Darío.
Hai que sumar, tamén, unha cita en Copa do Rei. Sería a última vez que o Compos xogaría a competición do KO na casa, ao igual que pasará dentro dunhas semanas, e remataría con vitoria zamorana, nun curso para esquecer e que non podería empezar peor.
Diferentes sensacións.
A pasada fin de semana, o Compos non foi quen de materializar a súa suposta superioridade fronte ao Covadonga no Álvarez Rabanal. Pep Caballé, a pase de Juampa, asinou o seu primeiro gol coa camisola da Esedé sendo, aínda así, insuficiente. Como pasou unha semana atrás, os trocos non serviron para aguantar o triunfo e o Covadonga asinou o seu primeiro punto no treito final do encontro.
Pola súa parte, o Zamora recibía na casa ao Guijuelo nun enfrontamento na parte alta da clasificación. Dous equipos con seis puntos e en xogo o primeiro posto. Os de Movilla, en superioridade toda a segunda parte, souberon facer boa esa vantaxe e Bolo asinou o tanto do triunfo a quince minutos para o final.
Baixas.
Para esta nova cita, aínda sen ningún tipo de sanción, hai que seguir falando de baixas por lesión. Aí entra, unha semana máis, Fran López. O dianteiro cedido polo Celta segue con problemas e non estará dispoñible tampouco para esta fin de semana. Tampouco poderá estar aínda dispoñible Riki Mangana por lesión e Euse, que cae por unha rotura no abductor.
Abrimos a xornada de tarde.
Esta fin de semana, o primeiro mes de competición pon punto e final cunha boa carga de partidos para o sábado. Non obstante, o Compos recibirá ao Zamora o domingo ás 16 horas para poder tomar o café no estadio despois de comer. Un horario novo para os nosos no que será o primeiro de dous partidos consecutivos no Vero Boquete de San Lázaro e para o cal están as entradas dispoñibles a 15 euros para maiores de idade tanto en Tribuna coma en Preferencia, a 10 euros para os rapaces de entre 17 e 30 anos co Carné Xove en Preferencia e a 5 euros para menores de 16 anos sen importar bancada.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse a través da segunda canle da TVG así como na web e seguirse nas contas de Twitter, ou X agora, da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario