Asturias, terra por conquistar

 Segunda saída da tempada, de novo a Asturias, e novo empate dun Compos que, nesta ocasión, puido sacar un resultado mellor. Un partido onde os de Manel se adiantaron cedo pero sendo incapaces de aguantar o resultado chegando, unha vez máis, un baixón logo dos trocos. No treito final, o Covadonga sumou o tanto do seu primeiro empate e a piques estivo de sacar algo máis. 

 O partido non puido comezar mellor. Contra un Covadonga que se vía inferior, que non era quen de dar tres pases seguidos, Pep Caballé adiantou ao Compos. Nin sete minutos e o resultado xa era favorable, ademais dunhas sensacións que facían pensar que podería chegar algún máis. 

 Non só as sensacións senón que, a maiores, os branquiazuis estiveron a piques de anotar o segundo ata en dúas ocasións con Manu Barreiro e Pablo Antas, sendo incapaz o segundo de superar a Buru. Tamén, xa no segundo tempo, sería o ex do Marino o que privou ao '9' santiagués de ampliar a vantaxe. 

 Cos trocos, os problemas. 

 Mediado o segundo tempo, comezaron os trocos nos dous equipos e, por terceira xornada consecutiva, deixarían ao Compos tocado reforzando aínda máis ao rival. Cos de Manel buscando unha fortaleza defensiva, só Manu Barreiro foi quen de buscar ocasións serias de perigo, mandando un balón ao longueiro na mellor, e practicamente única, oportunidade de perigo no segundo tempo para os santiagueses. 

 Co perdón e o bo facer dos trocos locais, chegaría o empate a sete minutos para o final do tempo regulamentario. Vicente, que entrara un minuto antes, plantouse diante de Pato e no man a man, co uruguaio na área grande, non perdoou. Volvía sufrir o Compos para gañar e, incluso, o faría para puntuar no engadido cunha ocasión que salvaría Pato co pé, gran protagonista do segundo tempo. 

 Un punto para un equipo que segue invicto e que terá que demostrar máis na visita do Zamora do vindeiro domingo. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario