Estreamos campo

 Logo de sumar os tres primeiros puntos do campionato, o Compos volve saír de Santiago rumbo a Asturias. Oviedo agarda e agocha o primeiro triunfo a domicilio, nun campo que nunca antes visitaron os branquiazuis. Diante, un Covadonga que completa a súa segunda tempada fóra da Terceira asturiana, despois de descender na derradeira tempada da antiga Segunda B. 

 Sen acerto. 

 O Covadonga non puido comezar peor a tempada. O equipo ovetense, cuxo obxectivo é pelexar pola permanencia, sumou dúas derrotas nas dúas primeiras xornadas así como só un gol a favor, insuficiente para, polo menos, empatar. 

 Un equipo que pasou polo mercado asturiano, que conseguíu reforzarse con varias baixas do Marino de Luanco, e que conta con moita xuventude nas súas filas e só cinco xogadores por riba dos trinta anos, dous deles recén chegados do ex equipo de Manel. Tamén Buru, porteiro, asinou polo cadro de Oviedo para ser o titular e ser, xunto con Trabanco, unha das pezas máis importantes deste proxecto que conta con ilusión. 

 Polo de agora, só na primeira xornada foron quen de ver portería, cando xa caían por dous goles de vantaxe. Un primeiro gol obra de Ariel, outra das fichaxes, e que non foi suficiente ante os dous tantos encaixados fronta á Arandina. Menos sorte tiveron na súa estrea na casa, a pasada fin de semana, caendo contra o Zamora. 

 Oviedo, na historia.

 Unha vez máis, o Compos volverá a esa cidade que en 1994 viu aos de Fernando Castro Santos chegar ao máis alto. Un partido histórico nunha cidade que, contra equipos locais, non deixou tan bos recordos. 

 O Oviedo recibíu aos nosos no Tartiere ata en nove ocasións. Só unha delas acabou en triunfo galego. En máis oportunidades volveron os nosos co empate repartíndose os puntos ata cinco veces. As tres restantes remataron con vitoria local. Sorte non moi diferente para visitar ao filial ovetense. Dúas vitorias branquiazuis, un empate e tres derrotas. Por sorte, isto compénsase coa vitoria na única visita ao Universidad de Oviedo. 

 Por outra parte, hai que falar de primeiras veces. A viaxe ao Álvarez Rabanal será a primeira da historia do Compos. Nos últimos anos, isto pasou para visitar ao Llanera e ao Burgos Promesas con resultados... moi diferentes. De feito, só chegaron os tres puntos de Xixón mentres que o equipo burgalés foi quen de bater aos galegos nun mal partido.

 Calidade demostrada. 

 A pasada fin de semana servíu para que Manu Barreiro deixara mostras do seu nivel. O dianteiro santiagués, que non marcou en pretempada nin na primeira xornada de liga, sacou o mellor de si contra a Arandina asinando dous goles e participando no cuarto Será quen de anotar en Asturias case dez anos despois? Tamén Pablo Antas e Jordan colaboraron nunha goleada que a piques estivo de complicarse con dous goles de Gonzalo Serrano, 

 Menos sorte correu o Covadonga na casa contra o Zamora. Os casteláns, que están asinando un gran comezo de curso, conseguiron adiantarse no primeiro tempo e completaron a vitoria no segundo con goles de Mancebo e Joel Priego. A diferenza da semana anterior, os locais non foron quen de rebaixar a diferenza. 

 Dúas baixas. 

 Para esta segunda cita, o Compos contará con dúas baixas por problemas físicos. Unha, a de Fran López, xa máis que coñecida. O dianteiro cedido polo Celta aínda non puido estrearse e tampouco o fará en Oviedo. Por outra parte, tampouco estará Riki Mangana, que caeu da convocatoria por lesión tamén. 

 Abrimos a terceira xornada. 

 Esta semana, a espera será un tanto máis curta. O sábado visitan os nosos o Álvarez Rabanal para un partido que dará comezo ás 18 horas e que será a proba para deixar máis mostras do potencial ofensivo branquiazul sobre un céspede sintético e unhas medidas inferiores ao habitual sen chegar, iso si, ao tamaño do Pepe Quimarán. Para esta cita, entradas a 15 euros nunhas bancadas que poden acoller ata dúas mil persoas. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse en directo en Golplus TV previo pago de 7 euros, que dan acceso a todo o mes na plataforma. Tamén se poderá seguir nas contas de Twitter, ou X, da Curva Branquiazul e do clube ou verse na Taberna de San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario