A primeira goleada

 O Compos superou á Arandina no primeiro partido como local desta nova tempada cunha goleada que non deixou as mellores sensacións posibles. Un partido co que rachar a xeira do cadro castelán, que sumaba case ano e medio sen perder, e anotar os primeiros goles ante unha afección que puido gozar da calidade de Manu Barreiro na súa estrea oficial na casa. 

 O perigo non tardou en aparecer sobre a portería castelá cun centro de Juampa, moi activo ao igual que Pep Caballé polas bandas, e remate de Antón De Vicente. Un aviso que non serviría para moito máis que meter aos visitantes no seu propio campo e tentar, polos extremos, atopar novas oportunidades de perigo. 

 Pouco a pouco, aínda que sen facer oportunidades de perigo real, achegábase ao gol. E a cinco minutos para o final, co Compos metido completamente en ataque, centro de Riki Mangana dende a dereita e testarazo de Manu Barreiro no segundo pau. 

 Tal como acabou o primeiro tempo comezou o segundo. Algo máis de cinco minutos e Manu Barreiro toca con Pep Caballé no centro do campo. O dianteiro santiagués supera en velocidade ao catalán e éste asiste para, ante a oposición dun contrario, marcar a porta baleira. Un segundo tanto que tivo sucesor sete minutos despois nun córner que bota Juampa, Antas cabecea pero peta nun defensa e o de Monterroso recolle o rexeite para asinar o que semellaba a sentenza. 

 Non houbo tranquilidade. 

 Tres goles de vantaxe, con media hora por diante, non foron suficientes para deixar o triunfo encamiñado. A Arandina só precisou de cinco minutos para deixar a vantaxe en dous, cun golazo desde lonxe ante o que puido facer Pato. Pouco a pouco, ese gol servíu, tamén, para pensar que poderían asinar unha remontada que non estivo tan lonxe cun segundo gol, aproveitando un mal momento dos branquiazuis, nunha xogada de rexeites na área. 

 De tres goles de vantaxe a un en quince minutos con dez máis o engadido por diante. Cos nervios no corpo, volveu buscar o gol o Compos pero non chegou ata despois do fin do tempo regulamentario. Un saque de banda que despexa mal un defensa provocando o erro Manu Barreiro e o esférico cae a Jordan que, sen oposición, bate ao porteiro. 

 Tamén puido chegar a guinda ao partido por parte de Manu Barreiro. Contraataque do dianteiro cunha xogada en solitario e, no man a man, mandou o esférico ao longueiro. 

 Finalmente, e aínda que haxa cousas que mellorar, bo partido dun Compos que sumou os seus primeiros tres puntos na estrea nun Vero Boquete que estreou nova publicidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario