Voltamos á casa

 A competición xa comezou e o Verónica Boquete de San Lázaro abre as súas portas para o segundo partido oficial do curso. Un primeiro enfrontamento que, ao igual que o ano pasado, nos trae a un rival da provincia de Burgos na busca dos tres puntos. A Arandina, que visitará Santiago por cuarta vez na súa historia, xa sumou o seu primeiro triunfo a pasada fin de semana e quere certificar ese bo arrinque diante dun dos teóricos favoritos para o ascenso. 

 Un bo comezo. 

 A Arandina, equipo recén ascendido, deixou a Terceira división despois de cinco anos para xogar a súa primeira campaña na Segunda Federación, despois de ter ás súas costas tres tempadas na Segunda B. Un equipo que reforzou, sobre todo, a súa dianteira coa chegada de Frodo Sualdea, ex do Palencia Cristo Atlético, ou Raly Cabral, extremo que pasou polas filas de Barco e Ourense CF. 

 Na pretempada, conseguiron superar a equipos coma Gimnástica Segoviana ou Alavés B, ademais de empatar contra o Numancia. Unha boa liña que mantiveron na primeira xornada de liga superando ao Covadonga na casa, xogo que pecharon cun home menos. 

 Só un empate sen goles.

 A primeira data do campionato deixounos só un partido sen goles e resultou ser a visita do Compos a Luanco. Un partido con escasas ocasións de perigo, cun primeiro tempo de dominio branquiazul e un segundo onde Pato tivo bastante máis traballo. Quedou claro o gran traballo defensivo dos de Manel pero con algunha que outra complicación en ataque. 

 Máis acerto tivo a Arandina en El Montecillo. Fer Bajo adiantou aos locais antes dos dez minutos cunha vantaxe mínima coa que se chegou ao tempo de lecer. No segundo tempo, Frodo aumentou diferenzas mentres que Ariel recurtou para o Covadonga facendo o 2-1 definitivo. 

 Liga e Copa. 

 Compos e Arandina veranse as caras este ano por cuarta vez en Santiago. Das tres anteriores, dúas déronse na Segunda B mentres que a terceira e última chegou na Copa Federación. Unha serie de enfrontamentos que non nos deixou ningún empate e, en liga, un triunfo por equipo. 

 O primeiro triunfo local chegaría en Santa Isabel, en 1981. Non obstante, non sería contra a Arandina actual senón fronte ao seu predecesor, a Gimnástica Arandina. O partido rematou cun resultado curto cun gol de Prol para os santiagueses. 

 En 2016, sería o conxunto burgalés o que sumaría de tres cun gol de Pau Franch no segundo tempo. Un partido do que podería repetir Pato na portería branquiazul e que servía de regreso de Gonzalo á que foi a súa casa. 

 Catro anos despois, na Copa Federación, a vitoria santiaguesa foi máis ampla. Miki e Rodri comezaron unha goleada que tentou frear Jorge Pesca. Josiño e Hugo Sanmartín acabarían completando unha goleada na que Álvaro Casas foi titular. 

 Pasaron trece anos. 

 A pasada semana falamos de que o Compos sumaba catro anos sen gañar o seu primeiro partido na casa, algo que aumenta outro ano máis, e esta vez hai que contar que os nosos non perden o primeiro partido na casa dende 2010. 

 Burgos Promesas, Palencia Cristo Atlético, Deportivo, Somozas, Polvorín, Ribadumia, Peña Sport, Burgos, Coruxo, Dorneda e Dubra. A lista dos equipos que visitaron ao Compos na estrea en Santiago non é curta dende hai trece anos e só un deles, o Deportivo, foi quen de sacar un empate. Antes, o Betanzos pasou por riba dos santiagueses asinando un 0-4 convertíndose no último equipo capaz de sumar de tres no primeiro partido na capital galega. 

 Outro dato curioso é que é a segunda campaña consecutiva na que un rival da provincia de Burgos visita o Vero Boquete na segunda xornada chegando a vitoria compostelanista pola mínima. Erik adiantaría ao filial do Burgos mentres que Fer Beltrán e Cano asinaron a remontada. Un ano antes, o Palencia Cristo Atlético, outro equipo castelán, marchou sen nada grazas aos goles de Jordan, Primo e Antas. 

 Menos tempo leva a Arandina sen perder en liga. O equipo de Aranda de Duero non perdeu un só partido o curso pasado en toda a competición sumando, incluso, dous puntos máis a domicilio ca na casa. A súa derrota data de abril do ano pasado, cando visitaron ao Numancia B. 

 Molestias. 

 Ao igual que a pasada semana, Fran López confírmase como a única baixa asegurada ata o día do partido. Molestias e algún problema ao longo da semana farán que haxa que esperar ata o domingo para ver se todos os demais poderán estar ás ordes de Manel Menéndez. Todo apunta a que Hugo Matos repetirá no equipo unha xornada máis. 

 Pechamos a xornada. 

 Volve o fútbol ao Vero Boquete e faino o domingo ás 19 horas. O derradeiro partido da xornada no que se espera un bo ambiente e no que xa se poderán estrear os abonos físicos. Por contra, quen queira asistir sen ser abonado, as entradas xa están dispoñibles na web a 15 euros tanto en Tribuna coma Preferencia. A maiores, prezo especial para rapaces de entre 17 e 30 anos que teñan o carné xove que poderán acceder á Preferencia por só 10 euros. Para menores de 16 anos, 5 euros en calquera das dúas bancadas. 

 Para quen non poida asistir, poderá verse en directo na segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario