O Compos xa vai collendo forma e, polo que se está a ver, moi boa. O equipo de Manel ten dúas pezas máis para un proxecto cada vez máis ilusionante. Unha renovación para a defensa, a de Kike, que sumará a súa segunda campaña no primeiro equipo. E unha fichaxe que apunta a ser cabeza de cartel, a de Manu Barreiro, para o ataque.
Comezamos coa renovación. Kike continuará no clube un ano máis despois de ser unha peza moi importante o pasado curso ás ordes de Fabiano, Cardeñosa e Juan Carlos Andrés. O central subiu do Sigüeiro ao comezo do curso pasando, no mercado de inverno, a pertenecer ao primeiro equipo. Vinte partidos, catorce deles como titular, e case mil catrocentos minutos sobre o terreo de xogo nos que viu dous cartóns amarelos e sumou unha asistencia.
E a bomba do verán. Manu Barreiro volve ao Compos, onde se formou en categorías inferiores, asinando por tres tempadas. O dianteiro santiagués pasou por Lalín, Algeciras, Cádiz, Jerez Industrial, Zamora, Cerceda, Pontevedra, Racing de Ferrol, Alavés, Nàstic de Tarragona e Lugo. Unha gran lista de equipos con máis de trescentos partidos en Segunda división, chegando a acadar o ascenso á categoría de ouro co conxunto vitoriano. A iso hai que sumar un total de sesenta e tres goles no fútbol profesional e outros trinta e dous entre Copa e Segunda B. Un dos grandes dianteiros galegos con case vinte anos de experiencia e que volverá para ser unha peza fundamental nun equipo que apunta a altas cotas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario