Estamos case todos!

 O Compos 23/24 segue collendo forma a só uns días de arrincar os adestramentos de pretempada. E agora hai que falar de que nos últimos días chegaron tres pezas para poñerse ás ordes de Manel, dúas delas en forma de renovación. Riki Mangana e Jaime Santos cumprirán unha tempada máis nas filas da Esedé mentres que Juampa volve despois de dous anos asinando un contrato por dúas tempadas. 

 Riki Mangana, despois da saída de Roque, será o único dono da banda dereita, axudado nalgunhas ocasións por Pep Caballé e Antón de Vicente, xa con algo de experiencia na posición. O lateral venezolano foi o único do pasado curso que xogou en todos os partidos e sendo o segundo con máis minutos, só superado por Álvaro Casas. Trinta e tres partidos como titular nos que, ademais, sumou dúas asistencias na súa gran labor no ataque. 

 Jaime Santos chegou no mercado de inverno e non tardou en facerse co posto titular. O ovetense xogou nun total de quince partidos, sete deles como titular, sumando cinco goles, catro deles de maneira consecutiva. Un reforzo para o centro do campo con posibilidade de xogar en diferentes posicións. 

 E temos un reforzo importante para a banda esquerda. Un posto como o de extremo esquerdo, que a día de hoxe só tiña a un Elliot que non xerou confianza a pasada campaña, que xa ten dono. Juampa Barros deixou o Unionistas de Primeira Federación e volve á súa casa dous anos despois. Vinteún partidos ás ordes de Yago Iglesias antes de pasar por Numancia e o cadro salmantino sendo un fixo nos dous casos. Un futbolista que chega cun gran nivel para poñerse ás ordes do novo adestrador e coincidir, de novo, con Pato, Borja Rey, Casas, Soto e Pablo Antas no mesmo vestiario e con Antón de Vicente, co que o fixo no Coruxo.

 A pretempada, xa con datas. 

 A preparación dos nosos xa vai collendo forma. Nove datas das cales xa temos cinco confirmadas. Sen Copa Federación, pola clasificación directa á Copa do Rei, os nosos visitarán o Ponte dos Brozos, en Arteixo, para enfrontarse ao Atlético Arteixo; Alfoz para probar ao recén ascendido Racing Vilalbés, Foz contra o Lugo de Primeira Federación, na Pobra do Caramiñal contra o Deportivo e en Negreira ante o Pontevedra. 

 Por confirmarse quedan catro partidos máis entre os que está o Memorial Antonio Bermúdez no Vero Boquete.

Ningún comentario:

Publicar un comentario