O mercado do Compos non para e entre mércores e xoves tivemos unha saída importante e outra chegada que apunta á titularidade. Mario Rodríguez, despois dun ano, deixa a Esedé camiño dun equipo da súa terra, segundo rumores. Por outro lado, David Soto volve ao clube despois de dous anos en Pontevedra asinando un novo contrato de tres anos.
Comezamos con Mario. Unha das mellores fichaxes do pasado curso non asina a oferta de renovación deixando ao equipo no que se convertíu nun habitual nos onces titulares. Trinta e dous partidos, vinteoito como titular e máis de dous mil minutos nos que anotou un total de once goles, dous deles contra o Tarazona, e sumou tres asistencias. Un futbolista que supuxo un gran perigo en ataque, tanto no centro como pola esquerda.
A mala nova da saída de Mario, o pasado mércores, puido levarse un pouco mellor coa confirmación oficial doutro rumor. David Soto deixou no día de onte o Pontevedra e asinou un novo contrato polo Compos por tres cursos, sumando xa cinco no caso de cumprilo. O ourensán sumou, na súa anterior etapa, cincuenta encontros en Liga. Posteriormente, outros dous anos en Pasarón, sumando un ascenso á Primeira Federación e un descenso no seguinte curso. Setenta encontros vestido de granate nos que meteu un gol.
Agora, o central asina ata 2026 e compartirá posición con Álvaro Casas e Pablo Crespo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario