Unha entrada e tres saídas

 O Compos 23/24 xa vai tomando forma con máis de medio equipo confirmado, asinando hoxe a decimosegunda ficha para o novo proxecto con Manel ao mando. Antón De Vicente é novo futbolista da Esedé e asina por unha tempada. Un xogador polivalente que pode xogar tanto no centro do campo coma nos laterais. 

 Máis que coñecido por todos e cunha gran carreira no fútbol galego, Antón de Vicente pasou polas filas de Coruxo en tres ocasións, Racing de Ferrol, Celta B, Burgos e Somozas. Máis de catrocentos partidos nas súas botas con trinta e tres anos que suma a día de hoxe o vigués. Na pasada campaña, co Coruxo, pechou o seu sétimo ano con trinta e dous partidos desputados e máis de dous mil minutos. 


 Tres baixas de golpe. 

 Xa que falamos de chegadas, hai que falar tamén de saídas. Allyson, Cano e Javi Jiménez deixan o Compos despois dun paso polo clube complicado. Os dous primeiros completaron a tempada mentres que o porteiro chegou para cubrir a baixa de Pato por lesión, gañando o posto ata a recuperación do uruguaio no final do curso. 

 Allyson chegou para ser o dianteiro referencia. Non obstante, as lesións imposibilitaron que puidera ter continuidade nun equipo onde puido contar con cento cincuenta minutos repartidos en oito partidos. Neles, asinou un gol que non serviría para puntuar contra o Arenteiro, supoñendo o un a cero no marcador. 

 Cano puido contar con máis oportunidades, xogando nun total de trinta encontros e superando os oitocentos minutos. Sen oco no once titular, foi un revulsivo que anotou tres goles, sumando sete puntos nos tres encontros e servindo o primeiro para certificar a remontada ante o Burgos Promesas. 

 Pola súa parte, Javi Jiménez chegou en febreiro e debutou ante o Bergantiños. Setecentos minutos en oito partidos, sete como titular nos que encaixou dez goles deixando a porta a cero en tres citas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario