Experiencia

 Logo da saída de Juan Carlos Andrés, chega o novo adestrador para o cargo contando con experiencia noas bancos, como xogador profesional e nunha Segunda Federación na que suma dous anos, ademais de medio curso máis na antiga Segunda B. Manel Menéndez, ex adestrador do Marino de Luanco, será o encargado de intentar acadar ese ascenso á Primeira Federación tan desexado pola parroquia branquiazul. Asina por unha tempada.

 A súa carreira deportiva, como xogador, arrincou no final da década dos oitenta nas filas do Real Avilés, equipo da súa cidade, e no que estivo durante tres anos. Logo de deixar o equipo avilesino, pasou ao filial do Real Oviedo durante dous cursos para subir ao primeiro equipo defendendo as cores do equipo 'carbayón' cinco anos. En 1999 deixou o Tartiere para pasar polas filas de Deportivo, Numancia, Tenerife, outro curso no Oviedo e Ciudad de Murcia, cun ano por clube, para chegar ao Eibar en 2004. No clube vasco permaneceu catro tempadas compartindo vestiario con Castiñeiras e Corredoira, adestrados os tres por Mendilíbar. 

 Retirado en 2008, chegou aos bancos en 2009, como segundo no xuvenil do Oviedo. Comezou a súa etapa como primeiro adestrador no xuvenil do Avilés, onde estivo un curso para tomar o mando de Asturias sub 16 e volver para outra tempada na base avilesina. Un ano despois, pasou polo banco do Astur xuvenil para comezar no fútbol senior no filial do Real Avilés por uns meses. Tres anos despois, dous cursos no Praviano e outro no Mosconia para chegar en xaneiro de 2021 ao Marino de Luanco. 

 No equipo de Segunda B, dúas tempadas e media nas que asinou tres permanencias sendo unha das revelacións durante o arrinque do curso que acaba de rematar. Un xogador que se caracteriza por ter boas defensas, con equipos que mesturan veteranos e xóvenes e que este ano podería dar un chimpo na súa carreira cun obxectivo máis ambicioso. 

 Con el, de momento, seis xogadores: Pato e Borja Rey baixo paus, Álvaro Casas e Damián en defensa, Pablo Antas gobernando o centro do campo e Elliot en ataque. Ademais, todo apunta a que Samu terá contrato por oitavo ano logo da súa dura lesión no campo do Tarazona.

Ningún comentario:

Publicar un comentario