Un Compos coas baixas de Pablo Antas e Darío foi quen de superar ao Ourense nun partido onde os de Fabiano foron de máis a menos tendo en Mario Rodríguez e Jordan dúas pezas fundamentais en traballos ofensivos. En defensa, a fortaleza serviu mentres aguantaron as forzas, chegando o gol en contra cun erro que puido saír caro. Pola súa parte, o cadro ourensán soubo aproveitar o seu momento e a piques estivo de marchar con algo positivo da súa visita.
O partido non puido comezar de mellor maneira. O equipo de Fabiano buscou facerse coa posesión do esférico e non arriscar ata atopar algún oco na defensa. Fixo falta unha xenialidade de Jordan, superados os dez minutos, para deixar a Mario practicamente so diante de Marqueta. O porteiro ourensanista saiu mal e, aproveitando un erro da defensa, o barcelonés foi quen de asinar o primeiro na súa conta.
Co resultado favorable, buscouse máis non pasar riscos, non perder balóns e evitar sustos en defensa sen tampouco conseguir crear ocasións perigosas en ataque con Mario e Parapar incapaces de sorprender máis á zaga visitante. Aínda con isto, no treito final do primeiro tempo foi quen de meter o medo no corpo Gabri Palmás cun disparo lonxano que petou no longueiro.
Así se chegou ao tempo de lecer e se volveu de vestiarios con outra marcha que pouco durou. Non obstante, foi suficiente para que Jordan volvera sacar outro pase entre liñas para deixar a Mario so ante Marqueta e volvendo superar ao aragonés, que se quedou a media saída.
Baixón.
O físico empezou a pesar e o Ourense aproveitou para meter unha marcha máis ao partido. Non obstante, non foron quen de crear perigo ata os minutos finais conseguindo recurtar diferenzas cun centro de Amín que meteu, en propia, Pablo Crespo. Con vinte minutos por diante, os visitantes metíanse no partido gañando opcións de puntuar.
Con isto, fóronse arriba e meteron ao Compos nas inmediacións da área propia buscando sacar algo máis con boas acometidas sobre a portería moi ben defendida por Pato. Xa no engadido, a piques estiveron de marcar o que sería o empate mais, por sorte, houbo un fóra de xogo que evitou un mal maior.
Agora, despois de rachar unha xeira de tres partidos sen gañar, o equipo terá que visitar Langreo para un partido difícil no que defender o segundo posto da clasificación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario