Logo de empezar con mal pé o ano, o Compos quere esquecer a costa de xaneiro, que deixou malos resultados, e intentar recuperar ese crédito perdido durante o último mes, pasando de ser un sólido aspirante ao ascenso directo a ter ao sexto clasificado a só dous puntos nunha clasificación moi apretada e na que só o Arenteiro colle distancia, con oito puntos sobre o segundo. Diante estará un Ourense Clube de Fútbol que pasa por un gran momento e que se gañou as opcións de acabar nos postos máis altos da clasificación.
De menos a máis.
O fútbol son momentos e iso pódeo confirmar o Ourense CF. O equipo de Rubén Domínguez comezou a liga con só dous puntos dos primeiros doce posibles para logo asinar catro vitorias consecutivas, meténdose de cheo na zona alta no comezo do mes de novembro. Logo, outras tantas derrotas seguidas poñendo fin a esa mala xeira con catro vitorias e un empate, quedando ás portas deses postos máis altos da clasificación, aos cales non puideron chegar a pasada fin de semana ao caer ante o Marino de Luanco no Couto.
Oitavos con vinteoito puntos no peto, os ourensáns conseguiron un total de oito triunfos e catro empates ademais de sete derrotas, case todas elas pola mínima. Un equipo que fixo dezanove goles no que vai de campionato, unha cifra polo momento curta, e que encaixou só dezaséis goles, sendo a sexta mellor defensa do grupo superando, incluso, aos catro equipos que teñen directamente por riba na táboa.
Trátase dun equipo que na casa non conta con gran regularidade pero que lonxe da pataqueira do Couto é unha das escadras máis fortes, sendo o quinto mellor visitante. Gañaron en catro saídas, sendo Zamora a máis dura nun partido con cinco goles. En tres empataron, chegando en Palencia o único sen goles. E caeron noutras tres ocasións, repetindo en todas unha vantaxe mínima e sen conseguir marcar.
A nivel individual, perderon unha peza fundamental neste mercado de inverno de Alberto Gil, rumbo ao Ceuta, ademais doutras cinco baixas máis. A cambio, chegaron cinco fichaxes que lle darán maior nivel ao conxunto do Couto de cara a esta segunda parte do campionato onde buscarán manter a categoría.
Todo igualado.
Por cuarta tempada, Compos e Ourense se ven as caras sendo a primeira fóra da Terceira galega. Non obstante, estamos ante a terceira visita dos do barrio da Ponte a Santiago despois de que na tempada 2019/20 non se puidera desputar o partido da segunda volta.
Comezamos esta serie de enfrontamentos en 2018. Coa tempada a piques de rematar e o Compos buscando facerse campión de liga, os dous equipos deixaron un primeiro tempo igualado e sen goles que se decantou do lado local no segundo. Primo, Santi e Rubén asinaron un triunfo sobre os de Fran Justo en cuestión de media hora.
Un ano despois, Aythami sería o encargado de poñer o primeiro no luminoso, apenas superada a primeira media hora de encontro. Non obstante, no segundo tempo sería quen de remontar o Ourense con goles de Róber, Renan Zanelli e Juanma Justo.
Xa máis recente, no Couto neste caso, os dous equipos repetiron o mesmo resultado do encontro de Balaídos. Jerín adiantou aos ourensáns no primeiro tempo e Pablo Crespo asinou o tanto da igualada no segundo. Un partido marcado pola lesión de Mario Rodríguez e que rematou con Nacho Fariña e Fer Beltrán, éste cando o partido xa rematara, expulsados.
Caída.
A pasada fin de semana, tanto Compos coma Ourense chegaban aos seus respectivos encontros nun bo momento, manexando unhas boas xeiras de resultados, e non puideron facer fronte aos seus rivais.
Once partidos sen perder e os nosos visitaron ao Burgos Promesas. Unha cita contra o último clasificado que semellaba doada e no que os de Fabiano pecaron de confianza. Un gol local nos primeiros minutos puxo costa arriba un partido onde chegaron dous goles, anulados ambos os dous, e no que Samu fallou un penalti, xa no engadido. Sobraron ocasións, como unha de Parapar que petou no longueiro, pero a pelota non quixo entrar.
Pola súa parte, no Couto foi o equipo visitante quen puido levar os tres puntos. O Marino foi superior ao Ourense e as ocasións locais non foron suficientes para sacar algo positivo. A iso hai que sumar que Vander, a dez minutos para o final do encontro, asinou o que sería o gol do triunfo asturiano.
Problemas no centro.
Primeiro derbi do ano e chegan os problemas na zona máis importante do equipo. Para esta cita, Fabiano perde por sanción a Pablo Antas, que cumprirá ciclo de amoestacións este domingo. Pola súa parte, está por ver se Jordan pode estar dispoñible logo de recibir a alta a pasada semana e se Jaime Santos, que suma dúas semanas de adestramentos, xa entra nos plans do adestrador brasileiro.
No resto de zonas, hai que volver contar con outra lesión de Allyson. O dianteiro brasileiro entrou no segundo tempo en Burgos e tivo que saír substituído aos quince minutos. Unha baixa que o clube non foi quen de cubrir no mercado de inverno con varias negociacións ata última hora sen ser quen de pechar ningunha.
Quen dixo frío?
Se a pasada fin de semana, o Compos, abría a xornada, nesta hai que pechala. O Vero Boquete de San Lázaro abrirá as súas portas este domingo ás 19 horas sendo o derradeiro encontro desta data. Unha cita que, ante tal horario, terá entradas a metade de prezo para todos os acompañantes de abonados, puidendo pasar polas billeteiras o mesmo día de partido logo de estar dispoñibles na Tenda Oficial ao longo de toda a semana.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse en directo na segunda canle da TVG e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario