Pechada a xeira de tres partidos sen coñecer a vitoria, o Compos volverá saír da cara esta fin de semana para intentar conseguir tres puntos moi importantes. Tres puntos que serían históricos nun campo onde aínda nunca gañou e que servirían para seguir no máis alto dunha clasificación que se axusta cada domingo máis. Diante, un Langreo que non parece atopar o bo camiño e que buscará facer bo o seu feudo onde non perden dende novembro.
Falta gol.
O Langreo chega a este inicio da segunda volta nun momento mellorable para os seus intereses, que non son outros que salvar a categoría. O conxunto asturiano, que non gaña dende o peche da primeira volta, empeza a ver lonxe os postos de salvación, coa promoción de permanencia a cinco puntos e o Coruxo, que marca agora os postos de permenancia, a sete.
Vinte puntos suma agora o cadro langreano noutros tantos partidos ocupando o posto quince da clasificación. Isto chega despois de facer o mesmo número de puntos tanto na casa coma a domicilio con cinco triunfos, cinco empates e dez derrotas. Un equipo con problemas á hora de facer gol, tentando arranxar isto cunha fichaxe esta mesma semana, e que só anotou quince tantos. Por contra, encaixaron vintedous tantos ata o momento, menos que algún equipo coma o Valladolid Promesas.
Na casa, polo de agora, foron quen de facer dez puntos, a metade do seu total, sendo un dos equipos con menos vitorias pero, tamén, dos que menos perden diante da súa xente. Dous triunfos como locais esta tempada no sempre difícil Nuevo Ganzábal contra Burgos Promesas e Palencia Cristo Atlético. Máis foron os partidos que remataron con empate, cun total de catro rematando dous sen goles ante Zamora e Rayo Cantabria. Por outro lado, Laredo, Marino de Luanco e Lugo B conseguiron sacar os tres puntos das súas visitas sendo os únicos capaces de facer máis dun gol, mais sen deixar a súa porta a cero.
A nivel individual, está a destacar a presenza en ataque de Mikel Arzalluz. O dianteiro vasco foi autor de cinco goles coa curiosidade de que todos foron no Nuevo Ganzábal. Tamén hai que salientar o traballo en defensa e de Adrián Torre baixo paus.
Un campo historicamente imposible.
O Compos visitou Langreo en ata dez ocasións ao longo da súa historia sen poder volver, en ningunha, coa vitoria. Un campo sempre complicado contra un rival que, na súa casa, se convirte nun muro difícil de superar. Tal é así que os nosos van buscar algo que se resiste en poucos campos con tanta insistencia.
Esta historia comeza na década dos sesenta, cando a Terceira división non se dividía a grupo por comunidade. Unha primeira visita a Langreo que non acabou ben para os nosos, perdendo por dous goles de diferenza. Repetirían unha tempada despois e, de novo, gañarían os asturianos. O conto seguiría repetíndose tamén nos setenta con goleadas chegando o primeiro punto no ano oitenta, á quinta. Chegaría outra derrota máis na tempada do ascenso á Segunda división para enfrontarse, hai dez anos, de novo na Segunda B e acabar con empate. Despedirían tamén a categoría de bronce co terceiro empate, repetindo sempre o mesmo resultado de un gol por bando.
En canto á pasada tempada, inauguraron a Segunda Federación cun triunfo pola mínima do conxunto langreano no que Jandrín adiantou aos seus á media hora e no que Primo foi quen de por o empate no marcador. Non obstante, Dorian non tardou en adiantar de novo aos seus e deixar tres puntos importantes no Ganzábal.
Mesma sorte houbo esta tempada no Vero Boquete, na primeira volta. Un penalti no treito final transformado por Davo foi suficiente para levar os tres puntos a terras asturianas e sumar así os seus primeiros puntos do campionato.
A sete.
A pasada fin de semana deixounos resultados moi diferentes para os equipos que este sábado se verán as caras. O Compos puido deixar atrás unha xeira negativa con tres partidos sen gañar. Pola súa parte, o Langreo non foi quen de sumar no seu derbi contra o Marino de Luanco.
No Vero Boquete, os nosos recibían ao Ourense Clube de Fútbol nun partido complicado e coa obriga de sumar de tres para poder seguir no máis alto da clasificación, comezando o partido fóra dos postos de promoción de ascenso. Unha xornada na que os perseguidores conseguiron a vitoria e na que os dous primeiros se quedaron co empate sen goles. E sobre o verde, a dupla Jordan-Mario fixo as delicias de todos os presentes para, nun partido non moi vistoso, encamiñar un triunfo que a piques estivo de evitar o conxunto ourensán. Pablo Crespo, no ecuador do segundo tempo, fixo, en propia portería, o tanto que recurtaba distancias sendo, aínda así, insuficiente para evitar que os homes de Fabiano deixaran atrás un mal momento en canto a resultados, non así en relación coas sensacións.
Pola súa parte, en Miramar se medían Marino e Langreo para o outro derbi, asturiano neste caso, da xornada. En Luanco, os locais mantiveron o seu gran estado de forma actual, sumando dez dos últimos doce puntos en xogo, derrotando no primeiro tempo aos langreanos con goles de Jairo Cárcaba e Lora. Ademais, o cadro visitante acabou cun home menos pola expulsión de Daniel Homet.
Á terceira irá a vencida?
Por terceira vez esta tempada, o Compos terá que coller o autobús para visitar aos veciños asturianos. Non obstante, os resultados na comunidade limítrofe non están a ser moi positivos no que levamos de curso, con dúas saídas e ningunha vitoria.
Comezamos por Oviedo. Un partido onde a falta de ritmo se puido facer ver sobre o verde e no que Darío foi quen de adiantar aos nosos no marcador. Non obstante, o conxunto ovetense aproveitou dous erros pola banda dereita branquiazul e puido remontar o encontro, facendo o segundo dende os once metros.
A sorte tampouco estivo do noso lado en Luanco. Un mal partido para pechar a primeira volta onde se adiantaron os asturianos cun gol de Fagir aos vinte minutos. Por sorte, Darío apareceu no treito final para asinar un punto moi importante. Un partido no que, ademais, se poñía punto e final á xeira de Pato baixo paus.
Volve Pablo Antas.
Para esta nova cita, Fabiano poderá contar con menos problemas no centro do campo. Pablo Antas poderá volver ao equipo despois dun partido de sanción. Ademais, Darío podería volver tamén á titularidade despois dunha semana fóra por molestias, non así Allyson, que seguirá fóra. Por outra parte, Mario Constenla pasou a xogar co Sigüeiro sendo titular a pasada fin de semana mentres que Kike xa conta con dorsal do primeiro equipo a todos os efectos.
Tarde de sábado.
Despois de ter que ir ao Vero Boquete o domingo ás sete da tarde, neste caso haberá que prender o móbil o sábado ás seis. O Nuevo Ganzábal abrirá as súas portas para unha cita con entradas a 15 euros para maiores de 25 anos, 10 euros para sub25, 5 euros para sub17 e de balde para nenos.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse o partido en FootballClub e seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e o clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario